A COMUNICACIÓN LITERARIA
Mª Soledad Puente de Montoya
Revisión Lingüística:
Roxelio Xabier García Romero Pilar Ponte Patiño
Edita:
Xunta de Galicia
Consellería de Educación e Ordenación Universitaria Educación Secundaria a Distancia para Persoas Adultas
Depósito legal: C. 930/2000 ISBN: 84-453-2581-7
Páxina
❚
Escolma de textos U
NIDADE1
Século XIX. Rexurdimento.
...5
❚
Escolma de textos U
NIDADE2
Século XX. Preguerra.
...59
❚
Escolma de textos U
N I D A D E3
Século XX. Desde 1936 ata 1975.
...89
❚
Escolma de textos U
NIDADE4
Século XX. De 1975 á actualidade.
...107
1
Has de cantar, que che hei de dar zonchos; has de cantar,
que che hei de dar moitos.
I
“Has de cantar meniña gaiteira; has de cantar,
que me morro de pena. Canta, meniña, na beira da fonte; canta, dareiche boliños do pote.
Canta, meniña, con brando compás; dareiche unha proia da pedra do lar.
Papiñas con leite tamén che darei;
sopiñas con viño, torrexas con mel.
Patacas asadas con sal e vinagre, que saben a noces. ¡Que ricas que saben!
¡Que feira, rapaza, si cantas faremos...! Festiña por fóra, festiña por dentro.
Canta, si queres, rapaza do demo; canta, si queres; dareiche un mantelo.
Canta, si queres, na lengua que eu falo. Dareiche un mantelo. Dareiche un refaixo.
Co son da gaitiña, co son da pandeira, che pido que cantes, rapaza morena.
Co son da gaitiña, co son do tambor, che pido que cantes, meniña, por Dios.”
IV
Cantarte hei, Galicia, teus dulces cantares, que así mo pediron na beira do mare.
Cantarte hei, Galicia, na lengua gallega,
consolo dos males, alivio das penas.
Mimosa, soave, sentida, queixosa, encanta si ríe, conmove si chora.
Cal ela ningunha tan dose que cante soidades amargas, sospiros amantes,
misterios da tarde, murmuxos da noite; cantarte hei, Galicia, na beira das fontes.
Que así mo pediron, que así mo mandaron, que cante e que cante na lengua que eu falo.
Que así mo mandaron, que así mo dixeron...
Xa canto, meniñas. Coidá, que comenzo.
Con dulce alegría, con brando compás, ó pé das ondiñas que veñen e van.
Dios santo premita que aquestes cantares de alivio vos sirvan nos vosos pesares;
de amabre consolo, de soave contento cal fartan de dichas compridos deseios. De noite, de día, na aurora, na sera, oirésme cantando por montes e veigas.
Quen queira me chame, quen queira me obriga; cantar, cantareille de noite e de día.
Por darlle contento, por darlle consolo, trocando en sonrisas queixiñas e choros.
Buscaime, rapazas, velliñas, mociños.
Buscaime antre os robres. Buscaime antre os millos,
nas portas dos ricos, nas portas dos probes, que aquestes cantares a todos responden.
A todos, que á Virxen axuda pedín,
porque vos console no voso sufrir;
nos vosos tormentos, nos vosos pesares.
Coidá, que comenso... Meniñas, ¡Dios diante!
8
Un repoludo gaiteiro, de pano sedán vestido, como un príncipe cumprido, cariñoso e falangueiro, antre os mozos o pirmeiro e nas siudades sin par, tiña costume en cantar aló pola mañanciña: –Con esta miña gaitiña ás nenas hei de engañar.
Todas por el reloucaban, todas por el se morrían; si o tiñan cerca, sorrían; si o tiñan lonxe, choraban. ¡Mal pecado! Non coidaban que c’aquel seu frolear tiña costume en cantar aló pola mañanciña: –Con esta miña gaitiña ás nenas hei de engañar.
Camiño da romería, debaixo dunha figueira, ¡canta meniña solteira “Quérote”, lle repetía...! I el ca gaita respondía por a todas emboucar, pois ben fixera en cantar aló pola mañanciña: –Con esta miña gaitiña ás nenas hei de engañar.
Elas louquiñas bailaban e por xunta del corrían
cegas..., cegas, que non vían as espiñas que as cercaban; probes palomas, buscaban a luz que as iba queimar, pois que el soupera cantar aló pola mañanciña:
–Con esta miña gaitiña ás nenas hei de engañar.
Nas festas ¡canto contento! ¡Canta risa nas fiadas!
Todas, todas, namoradas, déranlle o seu pensamento. I el que, de amores sedento, quixo a todas engañar,
cando as veu dimpois chorar, cantaba nas mañanciñas: –Non sean elas toliñas: non veñan ó meu tocar.
10
“Quíxente tanto, meniña, tívenche tan grande amor que para min eras lúa, branca aurora e craro sol; augua limpa en fresca fonte, rosa do xardín de Dios, alentiño do meu peito, vida do meu corazón.”
Así che falín un día caminiño de San Lois, todo oprimido de angustia, todo ardente de pasión, mentras que ti me escoitabas depinicando unha frol
porque eu non vise os teus ollos que refrexaban traiciós.
Dempois que si me dixeches, en proba de teu amor,
décheme un caraveliño que gardín no corazón. ¡Negro caravel maldito, que me fireu de dolor! Mais, a pasar polo río, ¡o caravel afondou...! “Tan bo camiño ti leves como o caravel levou.”
15
Adiós, ríos; adiós, fontes; adiós, regatos pequenos; adiós, vista dos meus ollos: non sei cando nos veremos.
Miña terra, miña terra, terra donde me eu criei, hortiña que quero tanto, figueiriñas que prantei,
prados, ríos, arboredas, pinares que move o vento, paxariños piadores,
casiña do meu contento, muíño dos castañares, noites craras de luar, campaniñas trimbadoras da igrexiña do lugar,
amoriñas das silveiras que eu lle daba ó meu amor, caminiños antre o millo, ¡adiós, para sempre adiós!
¡Adiós, groria! ¡Adiós, contento! ¡Deixo a casa onde nacín,
deixo a aldea que conoso por un mundo que non vin!
Deixo amigos por extraños, deixo a veiga polo mar,
deixo, en fin, canto ben quero... ¡Quen pudera no o deixar...! ...
Mais son probe e, ¡mal pecado!, a miña terra n’é miña,
que hastra lle dan de prestado a beira por que camiña
ó que naceu desdichado. Téñovos, pois, que deixar, hortiña que tanto amei,
fogueiriña do meu lar, arboriños que prantei, fontiña do cabañar.
Adiós, adiós, que me vou, herbiñas do camposanto donde meu pai se enterrou, herbiñas que biquei tanto, terriña que nos criou.
Adiós, Virxe da Asunción, branca como un serafín: lévovos no corasón; pedídelle a Dios por min, miña Virxe da Asunción.
Xa se oien lonxe, moi lonxe, as campanas do Pomar;
para min, ¡ai!, coitadiño, nunca máis han de tocar.
Xa se oien lonxe, máis lonxe... Cada balada é un dolor;
voume soio, sin arrimo... Miña terra, ¡adiós!, ¡adiós!
¡Adiós tamén, queridiña...! ¡Adiós por sempre quizais...! Dígoche este adiós chorando desde a beiriña do mar.
Non me olvides, queridiña, si morro de soidás
tantas légoas mar adentro... ¡Miña casiña!, ¡meu lar!
28
Castellanos de Castilla, tratade ben ós gallegos; cando van, van como rosas; cando vén, vén como negros.
–Cando foi, iba sorrindo; cando veu, viña morrendo; a luciña dos meus ollos, o amantiño do meu peito.
Aquel máis que neve branco, aquel de dosuras cheio,
aquel por quen eu vivía e sin quen vivir non quero.
Foi a Castilla por pan, e saramagos lle deron; déronlle fel por bebida, peniñas por alimento.
Déronlle, en fin, canto amargo ten a vida no seu seo...
¡Castellanos, castellanos, tendes corazón de ferro!
¡Ai!, no meu corazonciño xa non pode haber contento, que está de dolor ferido, que está de loito cuberto.
Morreu aquel que eu quería, e para min n’hai consuelo:
sólo hai para min, Castilla, a mala lei que che teño.
Premita Dios, castellanos, castellanos que aborreso, que antes os gallegos morran que ir a pedirvos sustento.
Pois tan mal corazón tendes, secos fillos do deserto,
que si amargo pan vos ganan, dádesllo envolto en veneno.
Aló van, malpocadiños, todos de esperanzas cheios, e volven, ¡ai!, sin ventura, con un caudal de despresos.
Van probes e tornan probes, van sans e tornan enfermos, que anque eles son como rosas, tratádelos como negros.
¡Castellanos de Castilla, tendes corazón de aceiro, alma como as penas dura, e sin entrañas o peito!
En trós de palla sentados, sin fundamentos, soberbos, pensás que os nosos filliños para servirvos naceron.
E nunca tan torpe idea, tan criminal pensamento coupo en máis fatuas cabezas ni en máis fatuos sentimentos. Que Castilla e castellanos, todos nun montón a eito, non valen o que unha herbiña destes nosos campos frescos.
Sólo pesoñosas charcas detidas no ardente suelo, tes, Castilla, que humedezan esos teos labios sedentos.
Que o mar deixoute olvidada e lonxe de ti correron
as brandas auguas que traen de prantas cen semilleiros.
Nin arbres que che den sombra, nin sombra que preste alento... Llanura e sempre llanura, deserto e sempre deserto...
Esto che tocou, coitada, por herencia no universo; ¡miserable fanfarrona...! triste herensia foi por certo.
En verdad non hai, Castilla, nada como ti tan feio,
que aínda mellor que Castilla valera decir inferno.
¿Por que aló foches, meu ben? ¡Nunca tal houberas feito!
¡Trocar campiños frolidos por tristes campos sin rego!
¡Trocar tan craras fontiñas, ríos tan murmuradeiros
por seco polvo que nunca mollan as bágoas do ceo!
Mais, ¡ai!, de onde a min te foches sin dor do meu sentimento,
i aló a vida che quitaron, aló a mortiña che deron.
Morreches, meu quiridiño, e para min n’hai consuelo, que onde antes te vía, agora xa sólo unha tomba vexo.
Triste como a mesma noite, farto de dolor o peito,
pídolle a Dios que me mate, porque xa vivir non quero.
Mais en tanto no me mata, castellanos que aborreso, hai, para vergonza vosa, heivos de cantar xemendo:
¡Castellanos de Castilla, tratade ben ós gallegos; cando van, van como rosas; cando vén, vén como negros!
35
Eu cantar, cantar, cantei, a grasia non era moita, que nunca (delo me pesa) fun eu meniña grasiosa. Cantei como mal sabía dándolle reviravoltas,
cal fan aqués que non saben direitamente unha cousa. Pero dempois paseniño, i un pouco máis alto agora, fun botando as miñas cantigas como quen non quer a cousa. Eu ben quixera, é verdade, que máis boniteiras foran.
Eu ben quixera que nelas bailase o sol cas palomas, as brandas auguas ca luz i os aires mainos cas rosas; que nelas craras se visen a espuma das verdes ondas, do ceu as brancas estrelas, da terra as prantas hermosas, as niebras de cor sombriso que aló nas montañas rolan, os berros do triste moucho, as campaniñas que dobran, a primadera que ríe
i os paxariños que voan. Canta que te canta, mentras os corasóns tristes choran. Esto e inda máis, eu quixera desir con lengua grasiosa; mas donde a grasia me falta o sentimento me sobra, anque este tampouco abasta para espricar certas cousas, que a veces por fóra un canta mentras que por dentro un chora. Non me espriquei cal quixera pois son de espricansa pouca; si grasia en cantar non teño o amor da patria me afoga. Eu cantar, cantar, cantei, a grasia non era moita.
¡Mais que faser, desdichada, si non nacín máis grasiosa!
FOLLAS NOVAS (selección)
D
ÚAS PALABRAS DA AUTORAGardados estaban, ben podo decir que para sempre, estes versos, e xustamente condenados pola súa propia índole á eterna olvidanza, cando, non sin verdadeira pena, vellos compromisos obrigáronme a xuntalos de présa e correndo, ordenalos e dalos á estampa.
(...)
Máis de dez anos pasaron –tempo casi que fabuloso a xusgar pola présa con que hoxe se vive– desque a maior parte destos versos foron escritos, sin que as contrariedades da miña vida desasosegada, e unha saúde decote endebre, me permitise apousar neles os meus cansados ollos i o meu fatigado esprito. ó leelos de novo, vin ben craro como era incompreto e probe este meu traballo poético, canto lle faltaba pra ser algo que valla, e non un libro máis, sin outro mérito que a perene melancolía que o envolve, e que algúns terán, non sin razón, como fatigosa e monótona. Mais as cousas teñen de ser como as fan as circunstancias, e si eu non puden nunca fuxir ás miñas tristezas, os meus versos menos. Escritos no deserto de Castilla, pensados e sentidos nas soidades da natureza e do meu corazón, fillos cativos das horas de enfermedade e de ausencias, refrexan, quisais con demasiada sinceridade, o estado do meu esprito unhas veces; outras, a miña natural disposición (que n’en balde son muller) a sentir como propias as penas alleas.
(...)
Por outra parte, Galicia era nos Cantares o obxeto, a alma enteira, mentras que neste meu libro de hoxe, ás veces, tan soio a ocasión, anque sempre o fondo do cuadro: que si non pode senón ca morte despirse o esprito das envolturas da carne, menos pode o poeta prescindir do medio en que vive e da natureza que o rodea, ser alleo a seu tempo e deixar de reproducir, hastra sin pensalo, a eterna e laiada queixa que hoxe eisalan tódolos labios. Por eso iñoro o que haxa no meu libro dos propios pesares, ou dos alleos, anque ben podo telos todos por meus, pois os acostumados á desgracia, chegan a contar por súas as que afrixen ós demais. Tanto é así, que neste meu novo libro preferín, ás composicións que puderan decirse personales, aquelas outras que, con máis ou menos acerto, espresan as tribulaciós dos que, uns tras outros, e de distintos modos, vin durante largo tempo sofrir ó meu arredore. E ¡sófrese tanto nesta querida terra gallega! Libros enteiros poideran escribirse falando do eterno infortunio que afrixe ós nosos aldeáns e mariñeiros, soia e verdadeira xente do traballo no noso país. Vin e sentín as súas penas como si fosen miñas; mais o que me conmoveu sempre, e polo tanto non podía deixar de ter un eco na miña poesía, foron as innumerables coitas das nosas mulleres: criaturas amantes para os seus i os estraños, cheas de sentimento, tan esforzadas de corpo como brandas de corazón, e tamén tan desdichadas que se dixeran nadas solasmentes para rexer cantas fatigas poidan afrixir á parte máis froxa e inxel da humanidade. No campo, compartindo
mitade por mitade cos seus homes as rudas faenas; na casa, soportando valerosamente as ansias da maternidade, os traballos domésticos e as arideces da probeza. Soias o máis do tempo, tendo que traballar de sol a sol, e sin axuda pra mal manterse, pra manter os seus fillos, e quisais o pai valetudinario, parecen condenadas a non atoparen nunca reposo senón na tomba.
A emigrazón i o Rei arrebátanlles de contino o amante, o irmán, o seu home, sostén da familia decote numerosa; e así, abandonadas, chorando o seu desamparo, pasan a amarga vida antre as incertidumbres da esperanza, a negrura da soidade i as angustias dunha perene miseria. I o máis desconsolador para elas é que os seus homes vanse indo todos, uns porque llos levan, i outros porque o exempro, as necesidades, ás veces unha cobiza, anque disculpabre, cega, fannos fuxir do lar querido, daquela a quen amaron, da esposa xa nai e dos numerosos fillos, tan pequeniños que inda n’acertan a adiviñar, os desdichados, a orfandade a que os condenan.
Cando nas súas confianzas estas probes mártires se astreven a decirnos os seus sacretos, a chorar os seus amores sempre vivos, a doerse das súas penas, descróbese nelas tal delicadeza de sentimentos, tan grandes tesouros de ternura (que a inteireza do seu carácter n’é bastante a mermar), unha abnegación tan grande, que sin querer sentímonos inferiores a aquelas oscuras e valerosas heroínas, que viven e morren levando a cabo feitos marabillosos por sempre iñorados, pero cheos de milagres de amor e de abismos de perdón. Historias dinas de ser cantadas por mellores poetas do que eu son, e cuias santas harmonías deberan ser espresadas cunha soia nota e nunha soia corda: na corda do subrime, e na nota da delor. Anque sin forzas pra tanto, tentei algo deso, sobre todo no libro titulado “As viúdas dos vivos e as viúdas dos mortos”; mais eu mesma conoso que non acertei a decir as cousas que era menester. As miñas forzas son cativas; quéreas maiores quen haia de cantarnos con toda a súa verdade e poesía tan sencilla como dolorosa epopeia.
... Creerán algús que porque, como digo, tentei falar das cousas que se poden chamar homildes, é porque me esprico na nosa léngoa. N’é por eso. As multitudes dos nosos campos tardarán en ler estos versos, escritos a causa deles, pero só en certo modo pra eles. O que quixen foi falar unha vez máis das cousas da nosa terra na nosa léngoa, e pagar en certo modo o aprecio e cariño que os Cantares gallegos despertaron en algúns entusiastas. Un libro de trescentas páxinas, escrito no doce dialecto do país era naquel estonces cousa nova, e pasaba polo mesmo todo atrevemento. Aceptárono, i o que é máis, aceptárono contentos, e ieu comprendín que desde ese momento quedaba obrigada a que non fose o primeiro i o último. N’era cousa de chamar as xentes á guerra e desertar da bandeira que eu mesma había levantado. Alá van, pois, as Follas Novas, que mellor se dirían vellas, porque o son, e últimas, porque pagada xa a deuda en que me parecía estar coa miña terra, difícil é que volva a escribir máis versos na lengua materna. Alá van en busca, non de triunfos, senón de perdós; non de alabanzas, senón de olvidos; non das predilecciós doutros tempos, senón da beninidade que di dos maos libros: “¡Deixalos pasar!” Ei o
que eu deseio: que o deixen pasar, como un romor máis, como un perfume agreste que nos trai consigo algo daquela poesía que nacendo nas vastas soidades, nas campías sempre verdes da nosa terra e nas praias sempre hermosas dos nosos mares, ven direitamente a buscar o natural agarimo nos corazós que sufren e aman esta querida terra de Galicia.
Santiago, 30 de marzo de 1880
I VAGUEDÁS
I
Daquelas que cantan as pombas i as frores todos din que teñen alma de muller.
Pois eu que n’ as canto, Virxe da Paloma, ¡ai!, ¿de que a terei?
IV
Diredes destos versos, i é verdade, que tén estrana insólita harmonía, que neles as ideas brilan pálidas
cal errantes muxicas que estalan por instantes que desparecen xiña, que se asomellan á parruma incerta que voltexa no fondo das curtiñas, i ó susurro monótono dos pinos
da beiramar bravía.
Eu direivos tan só que os meus cantares así sán en confuso da alma miña,
como sai das profundas carballeiras ó comezar do día,
romor que non se sabe si é rebuldar das brisas, si son beixos das frores, si agrestes misteriosas armonías
que neste mundo triste o camiño do ceu buscan perdidas.
V
¡Follas Novas!, risa dáme ese nome que levás,
cal si a unha moura ben moura branca lle oíse chamar.
Non Follas novas; ramallo de toxos e silvas sós:
hirtas, como as miñas penas; feras, como a miña dor.
Sin olido nin frescura, bravas, magoás e ferís... ¡Se na gándara brotades, como non serés así!
IX
Paz, paz deseada: pra min, ¿onde está? Quixais n’hei de tela... ¡N’a tiven xamais!
Sosego, descanso, ¿onde hei de o atopar? Nos mals que me matan, na dor que me dan.
¡Paz, paz, ti es mentira! ¡Pra min non a hai!
XII
Hoxe ou mañán, ¿quen pode decir cando? pero quisais moi logo,
viranme a despertar, i en vez dun vivo, atoparán un morto.
Ó rededor de min levantaranse xemidos dolorosos,
aies de angustia, choros dos meus fillos, dos meus filliños orfos.
I eu sin calor, sin movemento, fría, muda, insensibre a todo, así estarei cal me deixare a morte
ó helarme co seu sopro. E para sempre ¡adiós canto eu quería!
¡Que terrible abandono! Antre cantos sarcasmos, hai, ha de haber e houbo, non vin ningún que abata máis os vivos que o da humilde quietú dun corpo morto.
XV
A un batido, outro batido; a unha dor, outro delor; tras dun olvido, outro olvido; tras dun amor, outro amor.
I ó fin de fatiga tanta e de tan diversa sorte, a vellés que nos espanta, ou o repousar da morte.
XVII
Mais ve que o meu corazón é unha rosa de cen follas, i é cada folla unha pena que vive apegada noutra.
Quitas unha, quitas dúas: penas me quedan de sobra; hoxe dez, mañán corenta, desfolla que te desfolla...
¡O corazón me arrincaras desque as arrincares todas!
II
¡DO ÍNTIMO!
Cada noite eu chorando pensaba que esta noite tan grande non fora, que durase... e durase... antre tanto
que a noite das penas me envolve loitosa... Mais a luz insolente do día,
costante e traidora, cada amañecida penetraba radiante de groria
hastra o leito donde eu me tendera coas miñas congoxas. Desde estonces busquei as tiniebras
máis negras e fondas, e busqueinas en vano, que sempre tras da noite topaba ca aurora...
Só en min mesma buscando no oscuro i entrando na sombra,
vin a noite que nunca se acaba na miña alma soia.
T
I ONTE, MAÑÁN EUCaín tan baixo, tan baixo, que a luz onda min non vai; perdín de vista as estrelas e vivo na escuridá.
Mais, agarda... ¡o que te riches, insensibre ó meu afán!
Inda estou vivo..., inda podo subir para me vingar.
Tirá pedras ó caído, tiraille anque sea un cento; tirá..., que cando caiades, hanvos de face-lo mesmo.
Deixa que nesa copa en donde bebes as dozuras da vida,
unha gota de fel, unha tan soio, o meu dorido corazón esprima.
Comprenderás estonces como abranda a delor as pedras frías,
anque abrandar no poida almas de ferro e peitos homicidas.
B
OS AMORESCal olido de rosas que sai d’ ant’ ò ramaxen nun-ha mañan de mayo, hay amores soaves que n’ inda vir se sinten, in se ve cánd’ entraren pol-a mimosa porta q’ o corazón lles abre
de seu, cal s’ abre n’ o agosto a frol ô orballo d’ a tarde.
E sin romor nin queixa, nin chorros, nin cantares, brandos así e saudosos, cal alentar d’ os ánxeles, en nós encarnan puros, corren co’ á nosa sangre y os hermosos reverdecen d’ o esprito onde moraren.
Busca estes amores..., búscaos, si tés quen ch’ os poida dare;
qu’ estes son soyo os que duran n’ esta vida de pasaxen.
A
MORES CATIVOSEra delor i era cólera; era medo i aversión, era un amor sin medida, ¡era un castigo de Dios!
Que hai uns negros amores, de índole pezoñenta que privan os espritos, que turban as concencias, que morden si acariñan, que cando miran queiman, que dan dores de rabia, que manchan e que afrentan.
Máis val morrer de friaxen que quentarse á súa fogueira.
O
PAZO DE A...Era ó caer da tarde, encomenzaba o cántico dos grilos,
xorda a presa ruxía,
brilaban lonxe os lumes fuxitivos. Ó pé do monte, maxestuoso, erguíase na aldea escura o caserón querido,
ca oliva centenaria
de cortinax ó ventanil servindo. Deserta a escalinata, soio o paterno niño,
e enriba del caendo misteriosas
coas sombras do crepúsculo, as do olvido. ¿Quen ó pasado volve
os ollos compasivos?
¿Quen se lembra dos mortos, si inda non poden recordarse os vivos?
A
XUSTICIA POLA MANAqués que tén fama de honrados na vila roubáronme tanta brancura que eu tiña;
botáronme estrume nas galas dun día, a roupa decote puñéronma en tiras.
Nin pedra deixaron en donde eu vivira; sin lar, sin abrigo, morei nas curtiñas; ó raso cas lebres dormín nas campías;
meus fillos..., ¡meus anxos...!, que tanto eu quería, ¡morreron, morreron ca fame que tiñan!
Quedei deshonrada, mucháronme a vida, fixéronme un leito de toxos e silvas;
i en tanto, os raposos de sangre maldita, tranquilos nun leito de rosas dormían.
–Salvádeme ¡ouh, xueces!, berrei... ¡Tolería! De min se mofaron, vendeume a xusticia.
–Bon Dios, axudaime, berrei, berrei inda... Tan alto que estaba, bon Dios non me oíra.
Estonces, cal loba doente ou ferida, dun salto con rabia pillei a fouciña,
rondei paseniño... ¡Ne as herbas sentían! i a lúa escondíase, i a fera dormía
cos seus compañeiros en cama mullida.
Mireinos con calma, i as mans estendidas, dun golpe, ¡dun soio!, deixeinos sin vida. I ó lado, contenta, senteime das vítimas, tranquila, esperando pola alba do día.
I estonces... estonces compreuse a xusticia: eu neles; i as leises, na man que os ferira.
* * *
¡Padrón...! ¡Padrón...! Santa María... Lestrove...
¡Adiós! ¡Adiós!
I
Aquelas risas sin fin, aquel brincar sin dolor, aquela louca alegría,
¿por que acabou? Aqueles doces cantares, aquelas falas de amor, aquelas noites serenas,
¿por que non son? Aquel vibrar sonoroso das cordas da harpa i os sons da guitarra malencónica,
Todo é silensio mudo, soidá, delor,
onde outro tempo a dicha sola reinou... ¡Padrón...! ¡Padrón...! Santa María... Lestrove...
¡Adiós! ¡Adiós!
II
O simiterio da Adina n’hai duda que é encantador, cos seus olivos escuros de vella recordazón;
co seu chan de herbas e frores lindas, cal n’outras dou Dios; cos seus canónegos vellos que nel se sentan ó sol; cos meniños que alí xogan contentos e rebuldós;
cas lousas brancas que o cruben, e cos húmedos montóns
de terra, onde algunha probe ó amañecer se enterrou.
Moito te quixen un tempo, simiterio encantador,
cos teus olivos escuros,
máis vellos que os meus avós; cos teus cregos venerables, que se iban sentar ó sol, mentras cantaban os páxaros as matutinas cancións,
e co teu osario humilde que tanto respeto impón cando da luz que nel arde ve un de noite o resprandor. Moito te quixen, e quérote, eso ben o sabe Dios; mas hoxe ó pensar en ti núbraseme o corazón. que a terra está removida,
¡Padrón...! ¡Padrón...! Santa María... Lestrove...
¡Adiós! ¡Adiós!
III
Fun un día en busca deles, palpitante o corazón,
funos chamando un a un e ningún me contestou.
Petei nunha i outra porta, non sentín fala nin voz, cal nunha tomba baldeira o meu petar resonou.
Mirei pola pechadura, ¡que silensio...!, ¡que pavor...! vin nomais sombras errantes que iban e viñan sin son, cal voan os lixos leves nun raio do craro sol.
Erguéronseme os cabelos de estrañeza e de delor. ¡Nin un soio...!, ¡nin un soio...! ¿Donde están?, ¿que deles foi?
O triste son da campana, vagoroso a min chegou... ¡Tocaba a morto por eles...!
¡Padrón...! ¡Padrón...! Santa María... Lestrove...
¡Adiós! ¡Adiós!
¡
S
OIA!Eran cráro-los días, risóña-las mañáns, i era a tristeza súa negra coma a orfandá.
Íñase á amañecida, tornaba coa serán...; mais que fora ou viñera ninguén llo iña a esculcar.
Tomou un día leve camiño do areal... como naide a esperaba, ela non tornou máis.
Ó cabo dos tres días, botouna fóra o mar, i alí onde o corvo pousa, soia enterrada está.
III
VARIA
V
ANIDADEAlgúns ricos entérranse ó probe, e alguns probes ó grande se enterran,
todos para distinguirse,
e hastra ó morrer ter fachenda. ¡Vanidá, canto vals antre os homes, que hastra as portas da morte penetras!
Mais desque cán no burato, todos iguales se quedan; i o polvo ó polvo se torna e onda os vívo-la soberbia.
IV
DA TERRA
¡
C
ALADE!Hai nas ribeiras verdes, hai nas risoñas praias e os penedos ásperos do noso inmenso mar, fadas de estraño nome, de encantos non sabidos, que só con nós comparten seu prácido folgar.
Hai antre a sombra amante das nosas carballeiras, e das curtiñas frescas no vívido esprendor,
e no romor das fontes, espritos cariñosos
que só ós que aquí naceron lles dan falas de amor. I hai nas montañas nosas e nestes nosos ceos, en canto aquí ten vida, en canto aquí ten ser,
cores de brilo soave, de trasparencia húmida, de vaguedade incerta, que a nós só dá pracer.
Vós, pois, os que naceches na orela doutros mares, que vos quentás á llama de vivos lumiares,
e só vivir vos cómpre baixo un ardente sol, calá, se n’entendedes encantos destos lares, cal, n’entendendo os vosos, tamén calamos nós.
V
AS VIÚDAS DOS VIVOS E AS VIÚDAS DOS MORTOS
V
Este vaise i aquel vaise, e todos, todos se van, Galicia, sin homes quedas que te poidan traballar. Tes, en cambio, orfos e orfas e campos de soledad,
e nais que non teñen fillos e fillos que no tén pais. E tes corazóns que sufren longas ausencias mortás, viúdas de vivos e mortos que ninguén consolará.
Rosalía de Castro.Follas Novas.
QUEIXUMES DOS PINOS (selección)
6
Morrer en brando leito, entre molentes brondas, rodeado de amigos
que o pracer nos recordan; de tímidas doncelas,
imbeles e chorosas, que pra maior dozura na nosa última hora ó redor de nós ceiben lirios e brandas rosas;
certo, é desaparecer cal virxe tímida, brandamente e sen gloria.
¡Oh! ¡quen morrer poidera coma o forte Leónidas, envolto en duro ferro,
noutras rudas Thermópilas!; por unha patria escura de escravos e de ilotas, ¡e deixar, cal cometa, longo rastro de gloria! E caera, non prono, coa faz á terra volta, mais ás turmas conversa, audaz e miazosa;
¡aínda apreixando o rutilante ferro, que verte gota a gota!
De modo que o viandante vendo con gran zozobra cubrir a dura terra a cinza poderosa,
dixera con espanto: ¡Certamente este era grande cousa!
13
Meniña, rapaza nova, ouh, rosa de Corcoesto, que brandeas con gracia ós doces sopros do vento: se é certo que por ti vivo, se é certo que por ti peno, se tan doce e dadivosa, como din que es, é certo; cúrame, oh rapariga, estas suidades da alma, de non sei qué, que padezo;
ti tes dos meus males a doce menciña, ¡ouh, rosa de Corcoesto!
23
Cando as doces anduriñas, baixo un aleiro pousadas, descansan do seu camiño en busca da ardente Africa; as amantes viaxeiras
co bico baixo da asa, naquel garrido silencio,
¿en que pensan? –Na súa patria. Cando eu era estudiante
e ó doce albergue tornaba, lento cruzando a cabalo a fera terra de Xallas: ó atravesar silencioso
as soas e esquivas gandras, as rendas abandonando ó impulso das vagas auras, pola agreste soedade pensativo camiñaba.
¿En que ía pensando estonces, decide, ventos de Xallas? –Sempre ía pensando nela, naquela doce rapaza, que era filla de Santiago, branca, garrida e fidalga.
27
¡Oh, quen poidera pillarte soa no seo amigo de escura cova! E como hedra que cinguidora branca columna premente enrosca, cos brazos darche mil tenras voltas; dicirche ó oído mil tenras cousas;
¡e o término atopar da esquiva ruta, en breve hora!
47
Pilleina entre os pinos soa alba de medo tornou; quixo fuxir, mais non pudo (que sabe que peixe eu son). Rogárame de rodillas,
de rodillas me rogou;
tembrou como a vara verde que estremece a virazón. Cal quen teme ser oída, dixo: –...Pídocho por Dios...! –¡Estás fresca! –lle contesto– vente a min con oracións:
Non solta nunca o raposo a galiña que pillou;
astra zugarlle o mel todo non solta a flor o abellón, nin a branca e doce pomba larga o montesío azor.
53
Abonda xa de oración... Porque de min non che libran nin Dios nin o demo, non.
54
Eu sei onde moran, eu sei onde están; ó sesgo das augas as vin fulgurar. Coñezo o seu golfo, súa sirte natal, aló nos profundos abismos do mar.
Mui belas, mui grandes, de tamaño igual;
das testas ceibando mil iris soberbios, color verdemar.
Eu sei onde moran, eu sei onde están. Irei en leve góndola, con amoroso afán; rastrearei con redes súa praia maternal: e se inda así non podo meu desexo alcanzar, improvisado buzo, novo tritón audaz,
penso ó fondo do Océano seu tesouro arrancar.
Se na loita sucumbro,
a miña insania intrépida escusá. San Pedro de Brandomil,
na pobre terra de Xallas, ¡Canto hai que non te vin!
55
Carballos de Carballido, cando era rapaz deixeivos; vin despois de muitos anos; xa vamos vellos.
Pasáronse as alegrías que trouguera o tempo ledo; a mocedá foi pasada;
xa vamos vellos.
Eu teño os cabelos brancos, vos tendes os gallos secos; os nosos días pasaron; xa vamos vellos.
59
Ouh, da terra de Xallas, feros corvos que vagantes andás,
sen pensar no destino, sen hoxe nin mañá,
¡quen poidera ser voso compañeiro pola agreste soedá!
61
Feros corvos de Xallas que vagantes andás, en salvaxe compaña, sen hoxe nin mañán;
¡quen poidera ser voso compañeiro pola gandra longal!
Algo de vago e fero do meu ser no profundo eu levo, como as brétemas dos curutos escuros, e unha ruda e salvaxe
inclinación dos seres vagamundos. Algo do duro vento
que azouta o cabo Ougal; do salvaxe miñato
que leva o vento soán, ¡e con nobre ufanía
o esquivo mato rexistrando vai! Algo das vagas brétemas algo das uces altas, algo dos libres corzos, e das feras bandadas dos corvos vagamundos,
que se espallan de Xallas polas gandras.
67
As almas escravas de ideas non grandes,
van pensando mil cousas femíneas, molentes e infames.
Mil soños forxando, que o ánimo agobian;
arrastrando infamantes cadeas, cal brandos ilotas.
Espíritos brandos; espritos muliebres,
sedentarios, que lenta consome, e mórbida, febre.
Mais a alma do bardo, enérxica, ousada, que audaz liberdade tan só soña e ama,
¡vai pensando en propósitos férreos que ergueran a patria!
72
A voluntade homérica e propósitos férreos de facer bos e libres os españoles peitos; dos novos ideales o nobre e forte empeño, non se compren somente
nos límites estreitos da patria, desmedrada polos antigos erros;
nin deben, non, morrer escuramente nos xa minguados e cativos eidos. Mais axudando aqueles
do futuro sedentos, que o ideal, a raza, levan nos fortes peitos, e con nosoutros parten os bos campos ibéricos e nos son asomellantes no sonoroso acento, e no bogar lexano, e nos gloriosos feitos:
¡quebrantemos da serva Lusitania tamén os duros e oprobiosos ferros!
Nos esquivos combates e nos fortes empeños
que hai que ter polos nobres ideales ibéricos,
non deteñas a planta nos límites estreitos, non sigas os hispánicos políticos pigmeos; non olvides, ¡oh, forte!, os galaicos intentos:
¡quebrantemos da serva Lusitania tamén os duros e oprobiosos ferros!
75
A lingua tiveran
por lingua de escravos;
esqueceran os patrios acentos, suidosos e brandos.
Dos propios acentos tiveran vergoña;
de cautivos falaran palabras de servos e ilotas.
Deixaran os doces acentos xocundos,
por extrañas palabras de servos, ignaros e escuros.
A nai aflixida da escura miseria, ós propios tomara por xente extranxeira,
e espantada escuitara dos fillos a plática serva.
82
Soñando está o bardo cun vago soñar,
á beira do facho que vértigo dá;
que se ergue sublime por cima do mar e os baixos contempla que rompendo están. E vénlle á memoria con máxico afán,
a brancura das faldras garridas da doce Rentar...
E triste e pensoso, suspira quezais...
Eduardo Pondal.Queixumes dos pinos.
O
S PINOS (Himno galego)¿Que din os rumorosos na costa verdecente, ao raio transparente do plácido luar?
¿Que din as altas copas de escuro arume harpado co seu ben compasado monótono fungar? –Do teu verdor cinguido e de benignos astros, confín dos verdes castros e valeroso chan,
non des a esquecemento da inxuria o rudo encono; desperta do teu sono, fogar de Breogán.
Os bos e xenerosos a nosa voz entenden, e con arroubo atenden o noso rouco son, mais só os ignorantes, e feridos e duros, imbéciles e escuros non os entenden, non. Os tempos son chegados dos bardos das idades, que as vosas vaguidades cumprido fin terán;
pois, onde quer xigante a nosa voz pregoa a redenzón da boa nazón de Breogán. Teus fillos vagorosos en que honor só late, a intrépido combate dispondo o peito van; se, por ti mesma, libre de indigna servidume e de oprobioso alcume, rexión de Breogán. Á nobre Lusitania
os brazos tende amigos, aos eidos ben antigos con un punxente afán; e cumpre as vaguidades dos teus soantes pinos duns máxicos destinos, ¡ouh, grei de Breogán! Amora da terra verde, da verde terra nosa, acende a raza briosa de Ousinde e de Froxán; que aló nos seus garridos xustillos, mal constreitos, os doces e albos peitos das fillas de Breogán;
que á nobre prole ensinen fortísimos acentos,
non mólidos concentos que ás virxes só ben están; mais os robustos ecos
que, ¡oh, patria!, ben recordas das sonorosas cordas
das harpas de Breogán. Estima non se alcanza cun vil xemido brando; calquer requer rogando con voz que esquecerán; mais cun rumor xigante, sublime e parecido ao intrépido sonido das armas de Breogán. Galegos, sede fortes, prontos a grandes feitos; aparellade os peitos a glorioso afán;
fillos dos nobres celtas, fortes e peregrinos, loitade polos destinos, dos eidos de Breogán.
Eduardo Pondal.Poemas soltos.
A
FALANobre e harmoniosa fala de Breogán, fala boa, de fortes e grandes sen rival; ti do celta aos ouvidos sempre soando estás como soan os pinos na costa de Froxán; ti nos eidos da Celtia e co tempo serás un lábaro, sagrado
que ao triunfo guiará, fala nobre, harmoniosa, ¡fala de Breogán!
Ti, sinal misterioso dos teus fillos serás que plo mundo dispersos e sen abrigo van;
e a aqueles que foran nunha pasada edá defensores dos eidos contra o duro román e que aínda cobizan da terra a libertá,
nun pobo nobre e forte, valente, axuntarás, ¡oh, fala harmoniosa, fala de Breogán! Serás épica tuba e forte sen rival,
que chamarás aos fillos que aló o Miño están, os bos fillos do Luso, apartados irmáns de nós por un destino envexoso e fatal. Cos robustos acentos, grandes, os chamarás, ¡verbo do gran Camoens, fala de Breogán!
Eduardo Pondal.Poemas soltos.
O
DOLMEN DE DOMBATEAínda recordo, aínda, cando eu era estudante, garrido rapacete, que ben rexerse sabe;
cando ía pra Nemiña a estudiar a arte do erudito Nebrija e do bo Villafañe; e ía a cabalo, ledo, cal soen os rapaces.
Pasado Vilaseco, lugar batido do aire
no alto da costa de Uces de monstesía canle; pasado Vilaseco, indo pla gandra adiante, xa vía desde lonxe o dolmen de Dombate. Deixando Fonte-Fría, cara ao lado de Laxe, e levando o camiño de San Simón de Nande; polo chan de Borneiro, de cativos pinales, cuase pasaba a rentes do dolmen de Dombate. Quedaba o misterioso, fillo doutras idades, coa súa antiga mesa, coas súas antigas antes, no seu monte de terra, no alto e ben roldante, poboado en redondo de montesío estrame, de pequenas queiroas e de toxos non grandes, como calada esfinxe, que sublime non fale; como náufrago leño, de soberbio cruzamen, lanzado sobre a praia por potente oleaxe, que de pasada rota mostre rudas señales, e mostre aberto o flanco por glorioso combate, e con linguaxe muda das súas glorias fale. ¡Canto, ai, mudar pode longa e vetusta idade! Entonces eu deixando ambas rendas flotantes, penoso ía cuidando, pla Viqueira salvaxe, nos nosos xa pasados, nos celtas memorables, nas súas antigas glorias, nos seus duros combates, nos nosos vellos dolmens e castros verdexantes. E despois a Nemiña, ou que fose ou tornase, ao velo desde lonxe indo pla gandra adiante, sempre ledo exclamaba: ¡O dolmen de Dombate! Agora que pasaron meus anos xogorales,
agora que só vivo de tristes suidades, que cumpro con traballo meu terrenal viaxe e que á miña cabeza branquea a grave idade, aínda recordo aínda, o dolmen de Dombate.
A
CURROS ENRÍQUEZComa os corvos de Xallas vagarosos, así son os poetas vagabundos;
eles son deste mundo receosos
e buscan outras praias, outros mundos. Ese é un poeta: e escravo das ideas esquiva todo honor, toda homenaxe; e luita por romper súas cadeas, coma un falcón intrépido e salvaxe. Non toqués as súas alas ben cumpridas, cal de baixel gallardo e soberano
as lonas potentísimas e ardidas con que intenta cruzar o Oceano.
Eduardo Pondal.Poemas soltos.
F
ALADE GALEGO Miniñas da Cruña, de amabre despexo, de falas graciosas e pasos lixeiros, deixá de Castela os duros acentos: falade, miniñas, falade galego.Cando é que vos ouzo, a patria esquecendo, falar esas duras palabras de ferro, non sei o que sufro, non sei o que peno: falade, miniñas, falade galego.
Mais cando falades nos patrios acentos, envoltos no voso anxélico alento, parece que escuito un canto do ceo: falade, miniñas, falade galego.
Eduardo Pondal.Poemas soltos.
A
LIRA DE TYRTEO¡Quen tivera ditoso un tan sublime acento que do seu fondo sono despertara os galegos! ¡Oh, quen cumprir pudera tan xeneroso intento desenterrando a lira, a lira de Tyrteo! Certo, non lle puxera doces e brandos nervos, mais dobres lle cinguira unhas cordas de ferro... ¡Oh, cal soara baixo
dos meus febrentes dedos lira sonorosa,
a lira de Tyrteo!
¡Oh, como despertaran os máis sublimes ecos, ecos de liberdade
dos parias e dos servos! ¡Cal do seu fondo sono despertara os galegos a lira estrepitosa, a lira de Tyrteo!
F
ILLO CATIVO DA GANDRAFillo cativo da gandra, pobre carballiño torto; aquel que nacío pobriño máis lle valera vir morto. Batido do frío vento, sin abrigo e sin conforto, desvalido e sin arrimo... ¡pobriño carballo torto!
Eduardo Pondal.Poemas soltos.
P
ONTECESOEu nacín en agreste soedade, eu nacín cabo dun agreste outeiro, por onde o Anllóns co nobre maxestade camiña ao seu destino derradeiro. Eu non nacín en vila nin cidade, mais lonxe do seu ruído lisonxeiro Eu nacín cabo de pinal espeso, eu nacín na pequena Ponteceso. Uns nacendo na máxica Granada, outros nacendo en Málaga famosa, os outros en Sevilla nomeada, os outros en Valencia deleitosa: uns na garrida Cadis, ben soada, en Barcelona os outros, populosa; eu nacín cabo de pinal espeso, eu nacín na pequena Ponteceso. Amabre Ponteceso, anque pequena, agreste certamente, mais garrrida; cando deixar a mundanal faena teu bardo, e for pasado desta vida,
non ten esquezas de quen, con faz serena, dixo a toda a cidade fementida:
eu nacín cabo de pinal espeso, eu nacín na pequena Ponteceso.
O
S FASTOS Os fillos escuros do chan polvorento, de rostro mourisco; os fillos do vento, os sempre envexosos dos galegos feitos... borraran os fastos dos fortes galegos. Os feitos borraran dos fillos egreixos, dos fillos dos celtas de intrépidos peitos; de envexa movidos borraron os feitos,mais non borraron os fastos dos fortes galegos.
Varreran os límites do pobo galego, dos fillos de Luso os lazos rompendo, borraran os nomes dos pátridos eidos... Mais non borrano a fala, mais non borrano o xenio, mais non borrano o esprito dos fortes galegos.
Eduardo Pondal.Poemas soltos.
D
OS CELTAS ANTIGOSDos celtas antigos gloriosos exempros; do duro romano
non lixios, non servos: rompede as cadeas da patria, dos eidos; luitade valentes; luitade, gallegos.
Con rogo e con pranto, con brandos acentos, non ben se consiguen os nobres empeños: esforzo e constancia vos peden os tempos: luitade animosos; luitade, gallegos.
Luitando se vencen da sorte os degredos; quen luita, ese é forte; quen cede, ese é servo: oponde aos destinos un peito de ferro:
luitade, luitade, luitade, luitade, luitade, gallegos.
Eduardo Pondal.Poemas soltos.
❦
AIRES DA MIÑA TERRA (selección)
I
NTRODUCCIÓNEscribir nada máis pra onha provincia ou, como os pobos árcades fixeron, escribir sobre a casca dos curtizos, cáxeque todo vén a ser o mesmo.
A nosa vos, na soledá perdida, morrerá sin deixar xiquera ise eco que a brisa malencónica do outono deixa na copa azul dos ameneiros.
Non pode ser tampouco doutra sorte: pasaron xa, pra non volver, os tempos en que o lenguaxe era unha cifra máxica fácele sólo ó sacerdote hebreo.
As xentes tristes que no verbo humano percuran os ideales que entreveron, cando ó vate interrogan, novo Oráculo, queren relaciós, que non misterios.
I escribir nunha lengua conecida daqueles sólo que onda nós naceron, ¿que é sinón responder a esas preguntas en revesgados xeroulifos pérsicos?
Todo tende á unidá, lei, de entre todas, a máis ineusorabre do Progreso;
i el que de cen naciós un pobo fixo, un idioma fará de cen dialeutos.
Como paran no mar tódolos ríos, como os raios do sol paran nun centro, tódalas lenguas han de parar nunha, que hemos de falar todos, tarde ou cedo.
¿Por que botar ó púbrico este libro si a división dialéutica condeno?, diredes, con razón, os que leades, si as ledes, estas páxinas. –Diréivolo:
Cando tódalas lenguas o fin topen que marca a todo o providente dedo e cos vellos idiomas estinguidos sola unha fala universal formemos;
Esa fala pulida, idioma úneco,
máis que hoxe enriquecido, e máis perfeuto, resume das palabras máis sonoras
que aquélas nos deixaran como en herdo; Ese idioma, compendio dos idiomas, como onha serenata pracenteiro,
como onha noite de luar docísimo,
será –¿que outro sinón?– será o gallego. Fala de miña nai, fala armoñosa, en que o rogo dos tristes rube ó ceo i en que dende a prácida esperanza ós afogados e doridos peitos.
Fala de meus abós, fala en que os parias, de tréboa e polvo e de sudor cubertos, piden á terra o grau da cor da sangue que ha de cebar á besta do laudemio...
Lengua enxebre, en que as ánemas dos mortos nas negras noites de silencio e medo,
encomendan ós vivos as obrigas
que, ¡malpocados!, sin cumprir morreron. Idioma en que garulan os paxaros, en que falan os ánxeles ós nenos, en que as fontes solouzan, e marmullan entre os follosos álbores os ventos;
Non, ti non morrerás, céltica musa, nada da Suevia nos chouzales pechos, últemo amor do páledo Macías,
atravesado o corazón cun ferro; Fecundo nume do úneco rei sabio que no solio de España tivo asento, arpa inmortal da doce Rosalía,
do infortunado Añón, himno postreiro: Ti non podes morrer... ¡Eso quixeran os desleigados que te escarneceron! mais ti non morrerás, Cristo das lenguas, ¡non, ti non morrerás, ouh Nazareno!
Apóstol teu, aunque o máis ruin de todos, pra onde quer levaréi teu Evanxelio,
o fatelo vistindo de inominia
que pra mofa nas costas che puseron. No teu nome, por terras e por mares oferceréi paz e salú ós enfermos, falaréilles da patria ós desterrados, de libertade e redención ós servos.
Anunciaréi o día do teu trunfo por cibdades e vilas e desertos, e si por te anunciar me apedrearen, ¡inda ó morrer te mentarán meus beizos!
¡
A
I!...¿Como foi?... –Eu topábame fóra cando as negras vixigas lle deron; polo aramio súa nai avisóume
i eu vinme correndo.
¡Coitadiño! Sintindo os meus pasos, revolvéu cara a min os seus ollos. Non me víu... e choróu... ¡ai!, xa os tiña
ceguiños de todo.
Non me acordo qué tempo me estiven sobre o berce de dór debruzado;
sólo sei que me erguín co meu neno sin vida nos brazos...– Volvoreta de aliñas douradas que te pousas no berce valeiro, pois por el me perguntas, xa sabes
qué foi do meu neno.
C
ÁNTIGANo xardín unha noite sentada ó refrexo do branco luar,
unha nena choraba sin trégolas os desdés dun ingrato galán. I a coitada entre queixas decía: «Xa no mundo non teño ninguén, vou morrer e non ven os meus ollos os olliños do meu doce ben.»
Os seus ecos de malenconía camiñaban nas alas do vento,
i o lamento repetía:
Lonxe dela, de pé sobre a popa dun aleve negreiro vapor,
emigrado, camiño de América vai o probe, infelís amador.
I ó mirar as xentís anduriñas cara a terra que deixa cruzar:
«¡Quen pudera dar volta –pensaba–, quen pudera convosco voar!...»
Mais aves i o buque fuxían sin ouír seus amargos lamentos;
sólo os ventos repetían:
«¡Quen pudera convosco voar!...» Noites craras, de aromas e lúa, desde entón, ¡que tristeza en vós hai prós que viron chorar unha nena, prós que viron un barco marchar!...
Dun amor celestial, verdadeiro, quedóu sólo, de bágoas a proba,
unha cova nun outeiro
i on cadavre no fondo do mar.
¡
C
REBAR AS LIRAS!Por sobre a barafunda de escarnios e pauliñas que as cántigas dos servos por ondequer suscitan, espaventada, atóneta, a virxe Poesía
clamóu desalentada: «¡Vates, crebade as liras!»
¡Crebar as liras cando se fai temer aínda
a maza de Xan Dente por vara de Xusticia!
¡Cando nos nosos Códigos non val dun home a vida os sete vis escudos en que a tasóu Molina!
¡Calar!... ¡Que non se escoite o patuxar das vítimas
no mar de inxofre e sangue da escravitú caídas!
¡Calar!... ¡I as maus cravadas, i a túnica cinguida,
i a intolerancia abaixo, i a intolerancia arriba!
Non. Feita está a pormesa i é menester cumprila.
A patria morre, ¡Malia o fillo que a non mira! ¡E malia quen lle negue,
por tedio ou cobardía,
os himnos que a amortaxen, o sangue que a redima!
¡Crebar as liras diante da libertá que espira baixo a gadoupa férrea do dogma que a asesina!... ¡Inda goberna Claudio! ¡Inda Seiano priva!
¡Inda os proscritos choran e trunfa Mesalina!
¡Non a crebés, poetas! Templáina en ódeo, en ira, hastra que dela saian as esplosiós das minas; hastra que cada nota como onha espada fira, como on andacio barra as vellas teogonías.
Gustoso esnaquizara e resinado a miña, si neso do meu pobo a sorte consistira;
mais, mentras orfo e triste os meus consolos pida, crebala... ¡na túa testa tan sólo, tiranía!
A
S DÚAS PRAGASBaixo dun ceo promizo e bretemoso, unha negra montana;
baixo a montana negra, unha curtiña de álbores decotada; pacendo na curtiña, media ducia
de ovellas esfameadas; e celosas gardando esas ovellas,
murchas, tristes, da aldea as catro casas.
*
Dentro de cada casa, unha cociña escura i afumada;
dentro de cada cociña, unha fogueira que o vento frío apaga; xunto cada fogueira, cavilosa,
unha testa incrinada; dentro de cada testa, un pensamento de próusima fuxida, ou de venganza...
¿Que acontece na aldea? Antes degrúas vina, i alegre estaba;
nela todo era festas e trouleos, e bailes e fiadas:
nos campos escoitábanse as degrúas dos sachos i as eixadas; nos fogares, as frescas armonías das risas e dos bicos, que estralaban.
¿Que demos acontece nesa aldea?... ¿Cal foi das sete pragas a que eiquí descargóu, matando a súa
xovialidade sana?...
Cravado por tres cravos baixo a copa do cipreste da entrada, calquera pode leer este letreiro:
«Hai escribano e capellán en Cangas.»
O
ÚLTIMO FIDALGOÉrmo-los seus saídos, os cancelos pechados, fundidos teitos, escaleiras, trabes,
sin tellas o tellado,
non paso un día polos seus lindeiros sin pararme ante a casa do fidalgo.
Non fumega a troneira, non se escoitan nos páteos os ladridos dos cans, nin o sonoro rinchar dos feros potros e cabalos.
No escudo en que descansa o corredor voado
fan niño as anduriñas volandeiras i escóndense os lagartos. E no cima da torre
o galo da veleta, desprumado, remela os ollos cara ó vento Leste, ¡o vento da ruina e dos estragos!
*
Un vello pergamiño co sello real sellado
e sinado coas cruces, non coas firmas –¡pois non sabían firmar!– de dez Perlados,
manda que nadia poda erguer cabana ou pazo a carón desta casa, que lle quite aire ou sol polo frente ou polos lados.
Despois de nove sigros inda é firme o mandado. As pallozas do pobo, cheas das armonías do traballo, agachadas cal tigres, dende lonxe respétano i acátano,
agardando que os muros se despromen, e ríndose namentres polo baixo...
*
¿Que foi do morador desa vivenda, na que en tempos pasados se esnaquizóu a patria en mil parcelas entre os que por seu amo pelexaron, i onde nunca petóu a mau trembona
do camiñante canso que alcontrara agarimo ou doce fogo dos ateridos membros pra reparo?
O dono derradeiro védelo, ahí vai, miráino. Cuberto coa coroza,
calzado o zoco, cos seus bois falando, encamíñase á vila
para nela vender de estrume un carro e contentar co voto,
–feroz limosna que lle arroxa o Estado– ó seu señor de agora,
¡que onte foi seu escravo! Acontéceme vendo estas traxedias
o que me pasa cando tropezo cunha pedra de muíño
nun valo posta ou dunha herdá por marco. Recordo o que ela esquece das cousas que non sinten no letargo:
¡O grau que ten moído, os himnos que a dar voltas ten cantado!
A
ROSALÍA DE CASTRODo mar pola orela miréina pasar,
na frente unha estrela, no bico un cantar. E vína tan sola na noite sin fin,
¡que inda recéi pola probe da tola eu, que non teño quen rece por min!
A musa dos pobos que vin pasar eu, comesta dos lobos, comesta se veu... Os ósos son dela que vades gardar.
¡Ai, dos que levan na frente unha estrela! ¡Ai, dos que levan no bico un cantar!
Curros Enríquez.Poemas soltos.
X
URAMENTO...Na noite da despedida díxome á lus do luar:
«Doncella como me deixas, doncella me has de atopar.»
E na fenestra que aberta está, deitóume doces bicos coa man. De volta de longas terras paséi polo seu casal,
busquéina de amores cego. ¡Non a puden encontrar!
E na fenestra que pecha está, panos de neno vin blanquexar.
Os que polo mundo vades, nun xuramento a fiar, os que polo mundo vades ¡non debérades tornar!
Non quer o río correr pra atrás,
temendo que esquezan o ben que fai.
Curros Enríquez.Poemas soltos.
N
A TUMBA DE ROSALÍACollidas a pedir de porta en porta
(que non herdéi xardíns nin hortas teño) ¡sombra si paz da nosa musa morta! aquí estas frores a traguerche veño. I ó esparexelas sobre a pedra fría que un Resurrexit pra crebarse agarda, sinto cuase o temor que sentiría
o ladrón que recea e se acobarda. Como el, ao che deixar a miña ofrenda, a soledade en miña axuda chamo,
que si el ten medo que a xustiza o prenda, temo eu que me marmuren os que amo. Tanto do noso tempo a xente esquiva as patrias glorias burla i escarnece: ¡xeneración de mánceres cativa
que hastra o pai que enxendrara desconece! Que hoxe é pecado relembrar fazañas
porque impotentes pra as facer nacemos, e cecáis que gabar glorias estrañas nos console das propias que perdemos.
O valor, o carácter, as ideas,
falas, costumes... son lendas douradas. ¿De que coor serán, ¡ai!, as alleas que nos fan ler a couces e pancadas? ... Mais dorme, Rosalía, mentras tanto nas almas míngoa a fe i a duda medra. ¡Quen sabe si, deste recinto santo, non quedará mañá pedra con pedra! ¡Quen sabe si esta tumba, nese día, chegará a ser, tras bélicas empresas, taboleiro de yankee mercería
ou pesebre de bestas xaponesas!
Curros Enríquez.Poemas soltos.
O BUFÓN DEL REI
O
UTRO CADROE
SCEA ÚNECA Na cámara de El-Rey ––––– El-Rey. O bufónEl-Rei está sentado nun sitial. Longe dil, o Bufón está sentado no chao. –––––
O BUFÓN
Señor, coidei que a Alteza dos Reis achábase a coberto de treiciós e desenganos, e penso que a falta dunha muller non debe ser dabondo pra apesarar a un poderoso... Non hai desonra que poida lixá-la majestade; a presoa do Rei é sagrada de máis pra que estas cousas cheguen a il... I anque poidera a desonra magoar òs monarcas, a grória dunha vida inteira faria a vosa presoa sen mancha e lonjana de toda infámia... Píntese ésta nas frentes dos que a cometeron, sen que poidan aldrajar cos seus feitos vergoñentos a quen cintila por riba de todos... ¿Foi infame Artus pola treición de Genebra e Lancelote...? Os froróns da croa no deixan ve-los cornos, e...
EL-REI
(Enrabechado.) ¡Ven eiqui, maldito! O BUFÓN
¡Ai, non vou, non, Señor...! ¿Por qué non escoitades con sosego as miñas razós...? Dicíavos que non somente-la desonra non pode lixar ò Rei, senón que lle dá ocasión de que resprandeza a sua majestade faguendo unha eixemprar e tremenda justiza... O sangue non hai lixo que non lave; o castigo desfai o crime; o que cumpre a sua vinganza, cintila coma o ouro... E ademais, ¿quén iba ousar aldrajarvos de frente e por adiante...? Sóilo por detrás chaman ò Rei cornudo...
EL-REI
¡Ti, maldito bufón, coitado, escarabello nojento, ti me aldrajas, ti mas dis na cara! O BUFÓN
¡Bo! ¿Qué iba a ser de vós sen min, Señor? Máis vos val o meu consello que non as miñas brincadeiras, e máis estou onda vós por cordo que non por tolo. Ben sei que non hei ser das víctimas niste choio. Non poderia o Rei seguir levando a palma i o proveito do ingénio do bufón... ¿Pensades, Señor, que a min me engañaria a miña muller?
EL-REI
Non, porque nin tes muller, nin podes tela... ¿Quén che iba querer a ti? O BUFÓN
Sempre despreciei à muller. Considereina indina de quererme. A muller é unha besta descarada e mol, cobarde e nugallá. Na sua ialma non fan mágoa a sabéncia, a virtude nin a majestade. A muller vive só cos sensos; ten ollos, ouvido e tauto; non ten miolos nin curazón. Entreténse con lilailas coma os menos. Un Rei e máis un Bufón son cousas sérias de máis pra elas... Os Reis non deben amar... ¿Pra qué quer o curazón un Rei...? O amor i o gozo, pra os simpres mortales; pra o Rei, os negócios do Estado... ¿E pra o Bufón...? ¡Lástima...! Iolanda era un fermoso ornamento da corte e máis do pazo, máis belo que a estátua que hai onde o trono, à mau direita... ¡Bo! Pior seria que os nemigos vos pillaran unha província... Ai, Señor, ¿el cantas veces tendes enganado à vosa muller...? ¡Ha de haber tantas que degaren deitarse no leito esculpido das cortinas de brocado...! Se eu fora muller, había casar cun Rei e habíalle ser fiel astra a morte... Se Iolanda tivera a ialma do Bufón... ¿Qué decides, Señor?
EL-REI
(Erguéndose de súpeto.) Digo que mañá pola noite, viremos da vila eu e máis ti, soliño-los dous, colleremos eiqui catro dos de máis fianza, e pillarémolos. E farei justiza sen que ninguén se decate. ¡Vaite! (O Bufón érguese, fai a reveréncia e vaise.)
CAI O PANO
Vicente Risco.O bufón del rei.
A
VOLTA DA ESCOLA (fragmento)Polos fondos camiños campesíos corre a tropa riseira dos rapaces da escola; veñen da casa de doña Sabeliña, murcha señora de pelerina e mitóns, antiparras e faliña pousada, que gasta a sua vellez no enseño das letras ós fillos dos ribeiráns. No cruceiro de Alén, en pernas e calzóns, ledos coma paxaros na frouma dos piñeirales, apártanse os que viven no lugar mais outo -o Outeiro- de aquela parroquia de Valdoso. Son tres: os dous fillos das Chascas, feos, guedelludos, de ollar vivo, maligno, un ollar que se apega as cousas de comer ou romper, e outro mais barudo e lanzal, de aire conteñido e tristeiro. É o fillo da Pantelas. A sua nai, vella farrapenta, vive na casiña máis pobre e esnaquizada do Outeiro, ó pé dos grandes penedos que se chaman Coba da Serpe.Viuda desde fai anos, de xenio raro, vive gañando o xornal nas sachas do millo, faguendo os mollos nas viñas murchas, roubando pitelos e piñas pra manter o lume na lareira. Desde a casa, coma nun mapa, mira todos os eidos do val, sabe das leiras onde se cría o mellor repolo, das nogueiras escondidas ó pé dos lameiros asombrados polas carballeiras, das patacas temperás, dos figos amerados. Desde aqueles penedos, o neno sen pai, roto, forte, vai adquirindo un mirar de pirata (coma din os patróns vellos) e baixa pra roubar coa mesma inconsciencia das pombas, coa gracia e malicia dun ledo raposo bulreiro.
O pai, morto nas Américas; o capitalciño, ensilvado nos libros de contas do negreiro que o embarcou... O rapaz sinte molamente todo esto, sofre e cando se atopa soiolo molamente xestas do monte comunal ou baixo os salgueirales, veira do río, sinte ferver dentro de sí unha forza sen nome que lle enche o peito a faguer taupar as costelas.
Agora, ó voltar da escola, os Chascas pillaron un paxariño que tremaba coma se todo fose corazón nas pequenas mans crueles, diante a chispa mala dos ollos humáns.
−Imos mallarlle o pico antre duas pedras pra que non coma máis millo o gran lampantín− dixo o maior dos Chascas co ollar avarento. E o Panteliñas saltou:
−Non, lobos deixalo voar ¿Qué mal vos fixo? O paxaro agatuña o que pode, e fai ben. Loitaron. Cego, o Pantelas desfixo o ataque bruto dos irmáns e tumbounos pola terra a golpe de cachete pechado e cabezadas de porco bravo. Trunfante, colleu mimosamente o paxariño e deixouno voar, ledo, coma unha nota musical no ar limpo do serán de primavera. Aquela noite, o Panteliñas soñou que voaba moi outo, levado por azas invisibles, que subía e cruzaba por riba de parroquias, de serras, de chans, vendo o formiguexar da xente nos feirales, ouvindo, aló no baixo, un bater cristaíño de campanas..., mentres el voaba seguindo o sol hastra perderse nas néboas salgadas dun mar que el xamáis vira...
Ramón Otero Pedrayo.Pantelas, home libre.
SEMPRE EN GALIZA
L
IBRO PRIMEIRO IV (fragmento)¿Ten Galiza un idioma proprio?
Estamos fartos de saber que o pobo galego fala un idioma de seu, fillo do latín, irmán do castelán e pai do portugués. Idioma apto e axeitado para ser vehículo dunha cultura moderna e co que aínda podemos comunicarnos con máis de sesenta millóns de almas. O galego foi instrumento maravilloso da grande e única poesía lírica de Hispania e nel escribían os enxeños peninsulares –tanto de dentro como de fóra de Galiza–, cando a lingua de Castela non tiña categoría literaria. O galego é un idioma estenso e útil, porque –con pequenas variantes– fálase no Brasil, en Portugal e nas colonias portuguesas. O galego rexurdeu no século pasado con poetas tan esgrevios como Rosalía, Curros e Pondal. O noso idioma ten tal fermosura que un poeta andaluz como García Lorca –o poeta mártir–, non foi quen de resistir o seu engado e compuxo poemas en galego. O galego –somentes refugado polos señoritos ou por traballadores que quixeran ser señoritos– é hoxe o idioma que prefiren os intelectuaes como vehículo da nosa cultura; pero aínda que carecera de tantos méritos contraídos, abondaríalle ser a fala do pobo traballador para estar dignificado de por si, pois o galego é unha executoria viva do traballo e unha cédula honrosa de cidadanía e democracia. Non esquezamos que se aínda somos galegos é por obra e gracia do idioma.
(...)
E diríalles máis: “Prohibíchedes o galego nas escolas para producir no espírito dos nosos rapaces un complexo de inferioridade, facéndolles creer que falar galego era falar mal e que falar castelán era falar ben. Expulsáchedes o galego das eirexas, facendo que os representantes de Cristo explicaran o Evanxeo no idioma oficial, que o pobo non falaba nin comprendía ben. Refugáchedes o galego ante os Tribunaes de xusticia e chegáchedes a castelanizar barbaramente as toponimias galegas. ¿E de que vos valeu? Porque despois de máis de catro séculos de política asimilista, exercida con toda riqueza de astucias e violencias, o noso idioma está vivo. Sodes, pois, uns imperialistas fracasados.
Algúns galegos de boa fe coidan que o cultivo do noso idioma é unha impedimenta de traballo na emigración. Mais eu quero invitalos a meditar: ¿Pensades que a nosa Terra pode seguir sendo un criadeiro de carne humán, para enviar ás Américas en paquetes teutóns? Porque o noso deber está en asegurar o dereito ao traballo remunerado, para que ningún irmán noso emigre por necesidade. ¿Pensades que os galegos poden seguir
andando polo mundo a ofreceren indignamente a mercancía dos seus lombos e dos seus brazos? Porque o noso deber está en armar ao pobo dunha instrución primaria, profesional e técnica, que lle permita ser digno en todas partes, i en todas partes atopar as ventaxas que se lle ofrecen a un inglés, a un alemán... ¿Ou é que na emigración resulta superior un castelán a un galego por falar unha lingua máis estensa? A superioridade non está no idioma que se fala; está no que se sabe, no que se di e no que se fai.
Algúns homes –galegos tamén– andan a falaren dun idioma universal, único para toda a nosa especie. Son os mesmos que buscan a perfección baixando pola escada zoolóxica, deica sentiren envexa das formigas e das abellas. Son os mesmos que perderon o anceio de chegaren a ser deuses, e renegan das inquedanzas que produz a sabiduría. Son os mesmos que consideran o mito da Torre de Babel como un castigo, e renegan da vida ascendente. Mais eu dígolles que a variedade de idiomas, coa súa variedade de culturas, é o signo distintivo da nosa especie, o que nos fai superiores aos animaes. Velaí vai a demostración: Un can de Turquía oubea igual que un can de Dinamarca; un cabalo das Pampas arxentinas rincha igual que un cabalo de Bretaña. ¿E sabedes por que? Porque os pobres animaes aínda están no idioma universal.
Un idioma non nace pola vontade xenial dun grupo de homes; nace pola predisposición psicolóxica dun pobo, que, en condicións históricas favorables, crea unha cultura e a súa correspondente maneira de expresión. Porque un idioma é o corpo sensible dunha cultura, e todo atentado á lingua peculiar dun pobo representa un atentado á súa cultura peculiar.
Castelao.Sempre en Galiza.
❦
A FIESTRA VALDEIRA
S
EGUNDO LANCENa casa de don Miguel e na mesma sáa. Vai caíndo o sol e cando rematen as esceas
derradeiras será xa anoitecido. Don Miguel e doña Balbina. Ela sentada. Il, caviloso, vai dunha banda a outra.
DON MIGUEL
DOÑA BALBINA ¿Faiche o retrato de balde?
DON MIGUEL
Qué xeito tés de discurrir, Balbina. Non me fai o retrato de balde, pero cando llo encarguei non lle puxen isas condicións que agora se vos antoxan.
DOÑA BALBINA
Pois que cobre o seu traballo, o que fixo e mailo que agora se quer que faga. Pro se empeñar en nos deixar un cadro que non nos gusta...
DON MIGUEL
¡Se il non se empeña, Balbina! Il, xa o dixo, está disposto a levar o cadro, mais non a enmendalo, ainda que lle enchamos os petos de ouro.
DOÑA BALBINA
¡Levalo il! ¡Pra amostralo a quen se queira rir á nosa conta! Non. Primeiro págaselle e ráchase. Ou chámase a outro pintor para que faga a enmenda.
DON MIGUEL
¿E coidas ti topar outro pintor que, en sabendo a hestoria ou en vendo o cadro, queira remendalo? Mira Balbina que os artistas de hoxe poden non ter moi listas as loubanzas pra a obra dos demáis, pero poñerlle man... ¡Como non queiras que chame a calquera pintaportas!...
DOÑA BALBINA
Eu o que digo é que non foste dabondo enérxico. Dándolle a razón en todo ¿cómo había de che facer caso? Cando veña outra vez falo eu coíl.
DON MIGUEL Alarmadísimo:
Non, Balbina, non. Falareille eu do xeito máis arroutado que poida, pero ti non. (Mira o reló:) Coido que xa non tardará en vir. (Pausa). ¿Cómo non viría hoxe Baldomero? Nin onte, nin noutronte. ¿Cántos días hai que non ven? (Escismando:) Catro. Sí, catro. A derradeira vez que falamos non era o de sempre. Nin siquera me quixo aconsellar niso da enmenda. Foise escabulindo, escabulindo, e nada me dixo.
DOÑA BALBINA
¿Qué falla nos fai o seu consello? Ise Baldomero vaime parecendo máis raposo e, sobre todo, máis grusmia, do que sempre coidei.
DON MIGUEL
¡Grusmia! ¿Onde se lle veu endexamáis a envexa a Baldomero? ¿Grusmia de qué e de quén?
DOÑA BALBINA Ben sei o que falo.
DON MIGUEL
E ¿qué diaños tería que ver iso que dis que sabes coíse cadro? DOÑA BALBINA
Ben sei o que falo.
DON MIGUEL
Remataredes virándome tolo. As cousas ruíns, que non se poden dicir ben craras porque a vergonza non deixa dicilas, deixádelas abicar e agachádelas deseguida co empeño de que eu pola miña conta entenda o que non quero entender. ¡Porque non quero ter isas entendedeiras, Balbina! (Preocupadísimo:) Grusmia, grusmia...
DOÑA BALBINA
Xa sei que non qués entender nada. Vivir ás escuras e moi contento é o que fai a tua groria. E antrementres...
DON MIGUEL Outra vez... ¡Antrementres, qué!
DOÑA BALBINA
Antrementres, vanche arrodeando os alabeeiros, rabuñando os grusmias e dispreciando a xente soberbia.