• Nenhum resultado encontrado

SEGUNDA REPÚBLICA E GUERRA CIVIL

N/A
N/A
Protected

Academic year: 2021

Share "SEGUNDA REPÚBLICA E GUERRA CIVIL"

Copied!
42
0
0

Texto

(1)

SEGUNDA REPÚBLICA E GUERRA CIVIL

Selección documental a partir da realizada por Xosé Alfeirán, Ana Brea e Ana Romero ÍNDICE

1. A esperanza dunha nova era 2. A República en Madrid

3. Proclamación da República na Coruña

4. Primeira declaración do Goberno provisional republicano 5. A proclamación da República en Barcelona

6. A CNT e a República española 7. Creación de novas forzas públicas

8. A xerarquía eclesiástica e a chamada ao voto 9. A queima de igrexas e conventos

10. Sentencia condenatoria contra Afonso XIII 11. A afiliación sindical en 1931 (M. Artola) 12. Principios masónicos

13. A defensa dun Estado laico 14. A reforma da educación

15. Un partido nacionalista: o Partido Galeguista 16. A situación do campesiñado do sur de España 17. A participación no golpe de Estado de Sanjurjo

(2)

18. Os sucesos de Casas Viejas

19. Reacción dos propietarios latifundistas ante a reforma agraria 20. Obxectivos electorais da coalición antimarxista en 1933

21. Ideario político de FE-XONS 22. Alianza Obreira en Asturias

23. As xornadas de outubro de 1934 en Cataluña 24. A revolución de outubro de 1934 en Asturias 25. A represión da revolución de Asturias

26. Propaganda electoral da CEDA nas eleccións de 1936 27. Chamada ao voto da Fronte Popular

28. A defensa dun Estado forte e militar

29. Reivindicacións no Primeiro de Maio ao goberno da Fronte Popular 30. Un modelo anarquista de organización social

31. Os preparativos do golpe de Estado

32. Acusacións das dereitas ao Goberno e á democracia 33. O plebiscito de Estatuto galego. Resultados

34. A disolución do exército e entrega de armas aos obreiros en xullo de 1936 35. O triunfo do alzamento en Galicia

36. A nova España

(3)

38. A creación do exército republicano 39. O saúdo fascista

40. Os nacionais invitan ao pobo de Madrid á rendición 41. A liberación do Alcázar de Toledo polas tropas nacionais 42. A constitución do Goberno vasco

43. Cambios na España republicana

44. O POUM, un partido comunista revolucionario

45. A experiencia dun voluntario antifascista na Guerra Civil española 46. Medidas do Partido Comunista para gañar a guerra

47. Vivencias infantís durante a Guerra Civil

48. A supresión do réxime concertado nas provincias vascas 49. Actividades colectivizadoras durante a Guerra Civil 50. Abolición do Estatuto de Cataluña

51. A proposta de paz dos Trece Puntos 52. O último obxectivo: resistir

53. A masonería adhírese á República 54. Despedida dos voluntarios italianos 55. Despedida das Brigadas Internacionais 56. Rehabilitación de Afonso XIII

57. A liquidación da oposición política

58. Golpe de Estado do coronel Casado en 1939 59. O exilio dos nenos durante a Guerra Civil 60. A traxedia dos derrotados en Alacante 61. A depuración dos partidarios da República

(4)

63. Cancións da Guerra

1. A esperanza dunha nova era

A caída da monarquía de Afonso XIII produciuse tras as eleccións municipais convocadas para o 12 de abril de 1931. O novo réxime político republicano abría para España múltiples esperanzas de cambio.

2. A República en Madrid

A medida que se foron coñecendo os resultados das eleccións do 12 de abril, a poboación madrileña saíu ás rúas para celebrar o triunfo dos republicanos sobre as candidaturas monárquicas. Nun ambiente de emoción controlada e de euforia colectiva, foi proclamada a República en Madrid.

[Na tarde do día 14] Chegamos preto de Cibeles. A partir de alí tivemos que ir moi a modo, porque a rúa estaba chea de xente. Pronto fomos recoñecidos e alí comezou o noso calvario. Tardamos case dúas horas en percorrer o traxecto da rúa de Alcalá que une a praza de Cibeles coa Porta do Sol, é dicir, pouco máis dun quilómetro. O xentío abríanos camiño a forza de empurróns e apertóns, e subíanse nos estribos e aletas do meu coche (...).

Na Porta do Sol a aglomeración desbordaba xa toda medida imaxinable. Os farois, os tranvías parados no medio da praza, os balcóns e os tellados eran ocupados por innumerables acios humanos. Os gritos enxordecían. (...) Por fin chegou o meu coche ante a porta principal do Ministerio. A porta estaba pechada. No balcón principal, con asombro meu, ondeou de pronto a bandeira republicana (...). Ante a porta pechada só estabamos Largo Caballero e eu, rodeados, claro está, dunha masa vociferante que pedía que se abrisen as portas.

De súpeto, abríronse estas de par en par, e apareceu no vestíbulo un piquete da Garda Civil cerrando o paso. Cuadreime diante deles, descubrinme e díxenlles:

-Señores: paso ao Goberno da República!

Os soldados, como se o tivesen ensaiado previamente, abriron paso e, en dúas filas, unha a cada lado, presentaron armas.

Miguel MAURA. Así caeu Afonso XIII. 1963 [cast.]

3. Proclamación da República na Coruña

De modo similar ao que sucedeu na maioría das cidades españolas nas que triunfaron os republicanos e socialistas, na Coruña foi proclamada a República

(5)

polo concelleiro que encabezaba a listaxe, desde a casa do Concello, mediante un bando no que se comunicaba á poboación o cambio de situación.

Fago saber: Que o Concello elixido polo pobo da Coruña o domingo 12, congregado coa asistencia do pobo ás 17 horas e 15 minutos de hoxe, na Casa Consistorial, acordou, en atención ao desenvolvemento dos sucesos da vida nacional e interpretando a vontade do país, proclamar a República.

Conseguimos a república despois de considerables esforzos e sacrificios e cómpre agora demostrar que sabemos merecela. Para iso a Alcaldía, no nome do Concello do podo da Coruña, tradicionalmente liberal e democrático, solicita o auxilio dos cidadáns e pide a todos que nin alteren a tranquilidade pública nin adopten represalias de ningún tipo, pois a obra nefasta da tiranía nestes anos vergoñentos será escrupulosamente revisada e serenamente xulgada. (...)

Cidadáns: Sede dignos da vosa obra! Gardade a orde e disciplina como único medio para facer xustiza e para consolidar a liberdade e a democracia! Viva a República!

Antonio LENS VIERA [Alcalde accidental da Coruña]. Bando municipal. 14-4-1931 [cast.]

4. Primeira declaración do Goberno provisional republicano

Tras a proclamación da República, o Goberno provisional da República, presidido por Alcalá Zamora, decretou unha amnistía xeral e fixo unha declaración de intencións na que se proclamaban as liberdades públicas e sindicais, sometendo as súas decisións á sanción das futuras Cortes constituíntes.

O Goberno declara:

1º. Dada a orixe democrática do seu poder e en razón do responsabilismo en que deben moverse os órganos do Estado, someterá a súa actuación colexiada e individual ao discernimento e sanción das Cortes constituíntes (...) chegada a hora de declinar ante ela os seus poderes.

2º. Para responder aos xustos e insatisfeitos anhelos de España, o Goberno provisional adopta como norma depuradora da estrutura do Estado someter inmediatamente, en defensa do interese público, a xuízo de responsabilidade os actos de xestión e autoridade pendentes de exame ao ser disolto o Parlamento en 1923 (...).

3º. O Goberno provisional fai pública a súa decisión de respectar de maneira plena a conciencia individual mediante a liberdade de crenzas e cultos (...).

4º. O Goberno provisional orientará a súa actividade (...) no acatamento da liberdade persoal (...) e os dereitos dos cidadáns [e] aspira a ensanchalos, adoptando garantías de amparo para aqueles dereitos e recoñecendo como un dos principios da moderna dogmática xurídica o da personalidade sindical e corporativa, base do novo dereito social.

5º. O Goberno provisional declara que a propiedade privada queda garantida pola lei; en consecuencia non poderá ser expropiada, senón por causa de utilidade pública e previa a indemnización correspondente; (...) adopta como norma da súa actuación o recoñecemento de que o dereito agrario debe responder á función social da terra.

(6)

5. A proclamación da República en Barcelona

Coa chegada da República, rebrotaron con forza os movementos nacionalistas, perseguidos e prohibidos pola Ditadura. En Cataluña foi onde primeiro se manifestaron, proclamándose o Estado catalán, decisión que foi rectificada posteriormente para adecuala ao modelo que establecese a futura Constitución española.

A noticia dos sucesos ocorridos no Concello e praza de San Xaime, ocorreu con celeridade eléctrica e tivo inmediata repercusión nas Ramblas. De todas partes xurdían grupos con bandeiras das cores republicanas e outras das cores catalás (...). O paso das bandeiras era saudado con frenéticas ovacións e vivas entusiastas. (...) O novo alcalde, señor Companys, a penas tomou posesión provisionalmente da Alcaldía, dirixiu ao señor Alcalá Zamora o seguinte telegrama: "Esta mañá, ás doce, acompañado dos concelleiros electos, requirín ao alcalde accidental, señor Martínez Domingo, a entrega da vara de alcalde e do cargo, o que fixo facendo constar a súa protesta. Saúdoo: Companys".

Mentres no Concello tiñan efecto os feitos relatados, un numeroso grupo penetrou na Deputación e no balcón principal foi izada a bandeira republicana, en medio de grandes aplausos e cantando o público a Marsellesa. Despois colocaron un cartel nos balcóns que dan á Praza de San Xaime, no que se lía: "O rei Afonso abdicou. Goberno provisional. Viva a República". (...) O señor Maciá, acompañado do señor Gassol, saíu ao balcón provincial e, tras cesar os aplausos con que foi recibido, dixo: "No nome do pobo tomei posesión do Goberno de Cataluña. Hoxe o pobo deunos o seu voto para que gobernemos a cidade (...). Tamén vos digo que temos que facernos dignos desta liberdade". (...) O señor Maciá e os seus amigos pasaron a ocupar seguidamente o despacho presidencial onde volveron a reunirse e foi ditada a seguinte nota: "No nome do pobo de Cataluña proclamo o Estado catalán, baixo o réxime dunha República catalá, que libremente e con toda cordialidade desexa e pide aos outros pobos de España a súa colaboración na creación dunha Confederación de pobos ibéricos e está disposta ao que sexa necesario para libralos da Monarquía borbónica”.

La Vanguardia.15-4-1931 [cast.] 6. A CNT e a República española

A proclamación da Segunda República foi seguida por unha gran euforia popular, pero o apoio ao novo réxime non foi unánime, porque os intereses dos diferentes grupos sociais eran diferentes. Os anarquistas, por exemplo, mantiveron unha forte hostilidade e defenderon a proclamación do comunismo libertario.

Ao pobo español:

Foi proclamada la República en España.

O nefasto Borbón que nos tiña a argola ao pescozo, tivo que deixar o poder. O Concello, a Deputación, Correos e Telégrafos están en mans do pobo. Para sancionar estes feitos, o pobo debe manifestarse na rúa.

Non nos entusiasma unha república burguesa, pero non consentiremos unha nova ditadura.

(7)

Contra unha posible reacción dos elementos armados o pobo debe estar en pé. Se a República quere consolidarse será indubidablemente contando coa organización obreira, do contrario non poderá.

Como condición previa esiximos a inmediata liberdade de todos os nosos presos. Despois disto, moi primordial, imporemos outras condicións.

CNT. Manifesto. Barcelona, 15-4-1931 [cast.]

7. Creación de novas forzas públicas

Unha das reformas emprendidas polo goberno republicanosocialista foi a militar, completada coa creación dun novo corpo de forzas armadas que substituíse á Garda Civil no mantemento da orde pública, unha policía nacional leal á República.

A impopularidade do corpo [a Garda Civil] entre as masas obreiras, moi especialmente entre os campesiños, era extraordinaria. Non sei se con razón ou sen ela, pero o certo era que a Garda Civil constituía para moitas xentes a encarnación da supervivencia dos sistemas inquisitoriais na pescuda dos feitos delituosos e na depuración de responsabilidades, ademais de representar a violencia da represión (...). Cada vez que interviña era inevitable que o número de baixas fose elevado, dado o seu armamento e o seu obrigado modo de proceder. Anxo Galarza e eu planeamos a creación do novo corpo de policía armada, ao que acordamos darlle o nome de Garda de Asalto. Esixíase a estatura mínima dun metro oitenta centímetros e unha constitución física verdadeiramente excepcional. O seu adestramento era intensivo no ximnasio.

O resultado foi que comezada a súa organización a finais de maio, en outubro xa contaba cun corpo de Gardas de Asalto de oitocentos homes formidablemente adestrados e preparados para a acción, armados con porras e pistolas e dotados dun material móbil que permitía acudir, aos poucos momentos, ao lugar preciso.

Miguel MAURA. Así caeu Afonso XIII. 1962 [cast.]

8. A xerarquía eclesiástica e a chamada ao voto

Ao proclamarse a República, o Goberno provisional anunciou unha serie de reformas, entre as que destaca a separación da Igrexa e o Estado e o recoñecemento da liberdade relixiosa, o que provocou o rexeitamento frontal da Igrexa católica, que mantiña unhas posicións moi conservadoras.

Nestes momentos de angustiosa incerteza, cada católico debe medir a magnitude das súas responsabilidades e cumprir valorosamente co seu deber. (...) Se deixamos expedito o camiño aos que se esforzan en destruír a relixión ou fiamos o triunfo dos nosos ideais á benevolencia dos nosos inimigos, nin sequera teremos dereito de lamentarnos cando a triste realidade veña a demostrarnos que, tendo a vitoria na nosa man, nin soubemos loitar con coraxe nin sucumbir con gloria.

Nas circunstancias actuais todos os católicos, sen distinción de partidos políticos, deben unirse en apertada falanxe (...). E así dicimos a todos os católicos, republicanos ou monárquicos, podedes nobremente discutir cando se trate da forma de goberno da nosa nación, ou de intereses puramente humanos; pero cando a orde social está en perigo,

(8)

cando os dereitos da Relixión están ameazados, é un deber imprescindible de todos unirnos para defendela e salvala.

É urxente que nas actuais circunstancias os católicos, prescindindo das súas tendencias políticas, nas cales poden permanecer libremente, se unan de maneira seria e eficaz para conseguir que sexan elixidos para as Cortes Constituíntes candidatos que ofrezan a plena garantía de que defenderán os dereitos da Igrexa e da orde social.

Pedro SEGURA [Cardeal]. Pastoral. 1-5-1931 [cast.]

9. A queima de igrexas e conventos

No inicio da República, a actuación de grupos anticlericais coa queima de igrexas e conventos e ataques a cregos e monxas, foi moi forte e o goberno republicano non freou con eficacia estes ataques. Estes feitos foron moi criticados e condenados por intelectuais e grupos republicanos, defensores dun Estado laico.

Unhas cantas cidades da República foron sometidas a actos vandálicos por pequenas turbas de incendiarios. En Madrid, Málaga, Alacante e Granada fumean os edificios onde vivían xentes que, é certo, causaron danos enormes á Nación española, pero hoxe, precisamente hoxe, cando xa non teñen o poder público na man, son por completo inocuas. (...) Extirpados os seus privilexios e man a man cos outros grupos sociais, as ordes relixiosas significan en España pouco máis que nada. A súa influencia era grande, pero prestada; procedía do Estado. Crer outra cousa é ignorar por completo a verdadeira realidade da nosa vida colectiva. Queimar, pois, conventos e igrexas non demostra nin verdadeiro celo republicano nin espírito de avanzada, senón máis ben un fetichismo primitivo ou criminal que leva o mesmo a adorar as cousas materiais que a destruílas. O feito repugnante avisa do único perigo grande e efectivo que para a República existe: que non acerte a desprenderse das formas e as retóricas dunha arcaica democracia en vez de asentarse desde logo e inexorablemente nun estilo de nova democracia. Inspirados por esta, non queimarían os edificios, senón que máis ben se terían proposto utilizalos para fins sociais. A imaxe da España incendiaria, a España do lume inquisitorial, lles impediría, se fosen de verdade homes desta hora, recaer neses estúpidos usos crematorios.

Gregorio MARAÑÓN, Xosé ORTEGA Y GASSET, Ramón PÉREZ DE AYALA, Manifesto. Madrid, 11-5-1931 [cast.]

10. Sentencia condenatoria contra Afonso XIII

Unha das primeiras medidas tomadas polo Goberno provisional foi someter a xuízo de responsabilidades ao réxime caído. O resultado foi unha sentencia condenatoria contra Afonso XIII aprobada polas Cortes que, posteriormente, Franco derrogará en 1938.

As Cortes Constituíntes declaran culpable de alta traizón, como fórmula xurídica que resume todos os delitos da acta acusatoria, ao que foi rei de España, quen, exercitando os poderes da súa maxistratura contra a Constitución do Estado, cometeu a máis criminal violación da orde xurídica do seu país e, en consecuencia, o Tribunal soberano da nación declara solemnemente fóra da lei a don Afonso de Borbón e

(9)

Habsburgo-Lorena. Privado da paz xurídica, calquera cidadán español poderá aprehender a súa persoa se penetrase en territorio español.

Don Afonso de Borbón será degradado de todas as súas dignidades, dereitos e títulos, que non poderá ostentar legalmente nin dentro nin fóra de España, dos cales o pobo español, por boca dos seus representantes elixidos para votar as novas normas do Estado español, declárano decaído, sen que poida reivindicalos xamais nin para el nin para os seus sucesores.

De todos os bens, dereitos e accións da súa propiedade que se encontren no territorio nacional incautarase, no seu beneficio, o Estado, que disporá o uso conveniente que deba darlles.

Esta sentencia, que aproban as Cortes soberanas Constituíntes, despois de publicada polo Goberno da República, será impresa e fixada en todos os Concellos de España, e comunicada aos representantes diplomáticos de todos os países, así como á Sociedade de Nacións.

GOBERNO DA REPÚBLICA. Sentencia. 26-11-1931 [cast.]

11. A afiliación sindical en 1931 (M. Artola)

O clima de liberdades e de esperanzas de cambios que a República propiciaba contribuíu a un importante incremento da afiliación sindical, especialmente ás centrais sindicais maioritarias, UXT e CNT.

12. Principios masónicos

A masonería en España, agrupada en distintas loxas e obediencias, e cuns cinco mil individuos aproximadamente, apoiou e celebrou a proclamación da República, de acordo cos seus principios de defensa das liberdades.

Haberá que repetir que a masonería non é irrelixiosa, que non combate ningún sentimento nin crenza relixiosa, senón unicamente a intolerancia dogmática, (...) non só (...) cando vén dun dogmatismo dunha relixión (...), senón tamén cando vén dun dogmatismo materialista. (...).

(10)

incompatible con calquera ditadura, tiranía ou despotismo, proceda do campo que proceda.

E en canto á orde social (...), a masonería formula unha declaración de principios condenando a inxustiza do réxime económico en que vivimos; e o mesmo que loitou pola conquista das liberdades políticas, con idéntica amplitude (...), sen descender en partidismos, deberá loitar polo establecemento dun réxime de verdadeira xustiza social.

GRAN ORIENTE ESPAÑOL. Asemblea Xeral Extraordinaria. Madrid, 20-2-1932 [cast.]

13. A defensa dun Estado laico

Unha das reformas do Goberno republicano, referido á práctica relixiosa, establecía a secularización do Estado, o establecemento da liberdade de cultos e a limitación dos poderes á Igrexa. A defensa destas ideas foi realizada nas Cortes por Azaña.

Cada unha destas cuestións, señores deputados, ten unha premisa inescusable, indeleble na conciencia pública, e ao vir aquí, ao tomar feitura e contextura parlamentaria é cando xurde o problema político. (...) Refírome a isto que chaman problema relixioso. A premisa deste problema, hoxe político, formúloa eu desta maneira: España deixou de ser católica; o problema político conseguinte é organizar o Estado en forma tal que quede adecuado a esta fase nova e histórica do pobo español. (...) Eu non podo admitir, señores deputados, que a isto se lle chame problema relixioso. O auténtico problema relixioso non pode exceder dos límites da conciencia persoal, porque é na conciencia persoal onde se formula e responde a pregunta sobre o misterio do noso destino. Este é un problema político, de constitución do Estado (...), porque o noso Estado, a diferenza do Estado antigo, que tomaba sobre si a tutela das conciencias e daba medios de impulsar ás almas, incluso contra a súa vontade, polo camiño da salvación, exclúe toda preocupación ultraterrea e todo coidado da fidelidade, e quita á Igrexa aquel famoso brazo secular que tantos e tan grandes servizos lle prestou. Trátase simplemente de organizar o Estado español con subxección ás premisas que acabo de establecer.

Manuel AZAÑA. Discurso [nas Cortes]. 13-10-1931 [cast.]

14. A reforma da educación

A reforma educativa foi unha das que máis entusiasmo espertou entre un sector importante de republicanos, intelectuais, estudantes, docentes… Ademais de xeneralizar a escolarización, o goberno republicano pretendía levar a instrución e a cultura aos sectores máis desfavorecidos a través de institucións como as Misións Pedagóxicas, que dirixía Bertomeu Cossío, ou La Barraca, dirixida por Federico García Lorca.

Un acontecemento inesperado veu alegrar as nosas vidas. Xa nos chegaran noticias dunha creación da República que estaba tendo moito éxito por onde pasaba: as Misións Pedagóxicas. Un grupo de profesores e estudantes de Madrid e outras cidades que viaxaban cargados de libros, películas, gramófonos e se instalaban por un ou varios días

(11)

nos pobos que máis o necesitaban para compartir coa xente unha festa de cultura. Escritores, artistas, intelectuais, sumábanse ás Misións día a día. Oíramos falar diso e agora se nos anunciaba a través da Inspección que o pobo de Ezequiel fora elixido para celebrar unha Misión. Tamén estaban invitados os veciños dos pobos próximos. "Hai que falar co Alcalde, hai que buscar un local, hai que aloxalos a eles..." (...)

Cando circulou a noticia de que as Misións Pedagóxicas chegarían ao pobo de Ezequiel, o murmurio converteuse en algarabía. Abertamente, a xente preguntaba: Que veñen facer? É para o voto? Canto nos van sacar?

Apoiados dos mozos das clases de adultos tratamos de contrarrestar a campaña que se estaba estendendo en contra das Misións. (...) Ezequiel escribiu ao Inspector e deulle noticia do clima que algúns estaban creando. O Inspector (...) presentouse no pobo e convocou na escola aos veciños. Con discreción e prudencia falou á xente. "Non se trata de pedirvos cartos. Tampouco se trata de facer propaganda política. Tedes que entender que é un esforzo da República apoiado por persoas desinteresadas que dedican o seu tempo libre a traervos unha festa de cultura" (...).

- A idea é fermosa -recoñeceu Ezequiel-. é emocionante e estas xentes non esquecerán o que viviron. (...) Vexo aos máis pequenos absortos no movemento dos monicreques. Vexo aos vellos contemplando por vez primeira as imaxes en movemento. Escoito as preguntas dos mozos, máis interesados no misterio da máquina que no propio milagre da película. Como se pode? Como funcionan os acumuladores? Como se para? Como se pon en marcha?

Mundos descoñecidos aparecían ante os ollos dos campesiños. Documentais doutros países, cine de humor, debuxos animados. A música popular coñecida e amada e aquela outra que escribiron xenios universais, todo era seguido en reverente silencio. (...) Os aplausos torpes e suaves ao principio, enérxicos en seguida, pecharon a festa. Algúns tiñan os ollos cheos de bágoas.

Xosefina R. ALDECOA. Historia dunha mestra. 1990 [cast.]

15. Un partido nacionalista: o Partido Galeguista

A finais de 1931, a confluencia de diversas personalidades e grupos galeguistas fundaron en Pontevedra o Partido Galeguista; o seu obxectivo básico era a conquista da autonomía para Galicia.

Aclaración previa.

Os grupos políticos representados nesta Asemblea reúnense de agora en adiante baixo a disciplina e título de Partido Galeguista e acordan invitar aos demais agrupamentos que coincidan co seu programa a facelo. Reclama esta solidariedade o estado actual da política galega e a marcha de reconstrución da personalidade da nosa terra. Avala aquela denominación o uso xeral da verba "galeguista" no noso pobo para deseñar todas as modalidades de exaltación e defensa da galeguidade. (...)

Declaración de principios:

Galicia, unidade cultural. Afincamento das características da personalidade galega: lingua, arte, espírito.

(12)

Galicia pobo autónomo. Autodeterminación política de Galicia dentro da forma de goberno republicana.

Galicia, comunidade cooperativa. A terra para o traballo; o traballo para a terra. Galicia, cédula de universalidade. Anti-imperialismo internacional, pacifismo. Programa básico do Partido Galeguista. A Nosa Terra. 1-1-1932.

16. A situación do campesiñado do sur de España

As malas condicións de vida e de traballo dos campesiños sen terras, xunto coa lentitude con que se realizaba a reforma agraria, levou á radicalización da clase campesiña, coa ocupación de fincas, manifestacións e accións revolucionarias en moitos pobos do sur do país.

A terra estremeña tinguiuse estes días con sangue, consecuencia dolorosa dunha situación de violencia á que é urxente e imprescindible poñer remedio. (...)

Á situación ruinosa en todas as ordes que a Monarquía legou ao réxime novo veu a sumarse o pavoroso problema do paro na agricultura, (...) onde a crise faise máis aguda e difícil pola notoria mala fe que en moitos casos empregaron os propietarios para fomentala.

Non hai peor conselleira que a fame (...) pero tamén é verdade que non hai nada que estimule tanto á insubordinación como a inxustiza. E este é o caso que se está repetindo de día en día. Non soamente non encontraron apoio algún os obreiros daquelas rexións castigadas polo paro, senón que constantemente víronse aldraxados nos seus máis elementais dereitos de cidadanía. Estase facendo crer que os sucesos lutuosos que se desenvolveron en tantos pobos de España teñen unha soa causa: os pretendidos atropelos duns traballadores castigados en parte pola penuria, pero alporizados por propagandas políticas avanzadas (...).

A realidade é ben distinta (...). Trátase de que non foi desarraigado o vello caciquismo rural (...). Tímido e cauteloso nos primeiros días da República, volve a ser xa desvergonzado e cínico (...). Aí, e non en explicacións interesadas, é onde hai que buscar a causa principal do descontento que existe nos pobos.

El Socialista. 2-1-1932 [cast.]

17. A participación no golpe de Estado de Sanjurjo

O rexeitamento das reformas emprendidas e a conflitividade social durante o primeiro Bienio republicano, levou a que monárquicos, latifundistas e militares descontentos apoiasen en 1932 un golpe de Estado dirixido polo xeneral Sanjurjo, co obxectivo de restablecer a orde social e rematar coas reformas. O intento rematou en fracaso.

Estaban complicados na conspiración varios dirixentes carlistas, entre eles Rodezno e Fal Conde. Pero o núcleo da conspiración estaba formado por unha serie de militares aristócratas; basicamente os que se foran reunindo intermitentemente desde maio de 1931. (...) Tamén estaban complicados afonsinos como o conde de Vallellano, Pedro Sáinz Rodríguez e Antonio Goicoechea, os xenerais Goded e Ponte, e o principal coordinador da conspiración -bastante incompetente, por certo- era o xeneral Emilio Barrera (...).

(13)

Antes de producirse o alzamento, foi enviado a Italia un aviador novo, monárquico, o comandante Ansaldo, co fin de solicitar a axuda do réxime italiano. Ansaldo entrevistouse co mariscal Balbo, e recibiu promesas de apoio diplomático no caso de que o alzamento tivese éxito. Dentro de España, un grupo fascista de creación recente, o chamado Partido Nacionalista Español, de Burgos, dirixido por un fanático avogado de pouca monta, o doutor Albiñana, tamén prometeu apoiar o alzamento.

Aquilo foi un fracaso, Azaña e o Gobierno decatáronse do que se preparaba, ao parecer grazas á traizón dunha prostituta. En realidade, desde facía semanas víñase falando do alzamento nos cafés (...).

Así pois, o primeiro alzamento contra a República rematou coa máis absoluta derrota dos seus inimigos. Confiscáronse as terras dos conspiradores, sen indemnización; e tamén se produciu algo realmente ilóxico; a confiscación inmoderada das terras dos grandes de España que pasaran os límites fixados para a expropiación pola lei de Reforma Agraria. Tampouco habería indemnización por esas terras. No calor do momento, o Goberno, e logo as Cortes, fixeron na súa política agraria unha excepción especial inxustificada desde todos os puntos de vista: cantos grandes de España apoiaran, en realidade, a Sanjurjo? Só dous, dun total de 262.

Hugh THOMAS. A Guerra Civil española. 1976 [inglés]

18. Os sucesos de Casas Viejas

A lentitude con que se aplicaba a Lei de Reforma Agraria e a crítica situación en que vivían os campesiños sen terras provocou a radicalización da clase campesiña, que levou a cabo ocupacións de fincas, manifestacións e accións que pretendían a revolución social e que provocaron fortes enfrontamentos coas forzas da orde pública. Especialmente grave foi o episodio de Casas Viejas, que foi a orixe da ruptura da coalición entre republicanos e socialistas.

EN CASAS VIEJAS, CÁDIZ, A GARDA DE ASALTO INCENDIA CON BOMBAS UNHA CASA NA QUE SE REFUXIARAN, FACÉNDOSE FORTES, 19 SINDICALISTAS, PERECENDO TODOS CARBONIZADOS

Hoxe sóubose en Madrid que, en efecto, caeu en poder da forza pública, como se prevía, a casa do Pobo de Casas Viejas, en Cádiz, de que se falaba na nota facilitada no ministerio da Gobernación a madrugada última. Nela como se sabía, estaban refuxiados bastantes sindicalistas que se multiplicaban na súa acometida contra a forza pública e esta necesitou cercalos para sufocar este foco rebelde. (...)

Segundo as nosas noticias, de carácter particular, os sucesos de Casas Viejas tiveron o seu punto de maior emoción en torno do bombardeo e queima da casa onde se refuxiaran os sindicalistas. (...) Tan pronto como se tivo noticia en Cádiz do ocorrido en Casas Viejas dispúxose a saída dunha Sección de Asalto con metralladoras, bombas de man e outros elementos, para a defensa dos seus compañeiros, atacados polos revoltosos. (...) O tiroteo durou ata as sete da mañá e a esta hora as forzas, en vista de que os extremistas non se rendían, comezaron a lanzar bombas de man contra a casa, que foi incendiada polos catro costados, quedando totalmente destruída. (...)

(14)

Mañá serán enviados a Casas Viejas 400 gardas civís e unha sección de gardas de asalto para restablecer a orde naquela zona. Tamén se dispuxo que de Sevilla vaian a Casas Viejas algúns avións para protexer a descuberta que haberá que facer para reparar as liñas telegráficas e telefónicas que están cortadas.

La Voz de Galicia. 13-1-1933 [cast.]

19. Reacción dos propietarios latifundistas ante a reforma agraria

Unha das reformas que máis conflitividade social orixinou foi a agraria, tanto pola falta dun proxecto asumible pola coalición gobernamental como polo enfrontamento entre o campesiñado e os propietarios das terras, opostos a calquera cambio no réxime de propiedade.

Señoras e señores: (...) o ministro de Agricultura, don Marcelino Domingo, (...) nun discurso pronunciado en Murcia aludindo á conduta das multitudes en España, nestes últimos tempos, dixo: "é o fenómeno das masas entrando na historia de España". Pero eu dígovos, señores, ao recordar esa frase do Ministro, que non vin esa entrada por ningunha parte, porque non creo que teñan entrado na Historia de España esas masas que como obedecendo a unha consigna, nun mesmo día invadiron centenares de fincas rústicas; apoteoses da impunidade, dedicáronse ao furto da oliva, da landra, de todos os froitos, e ao sacrificio do gando; non creo que teñan entrado na Historia esas masas que se reúnen nas Casas do Pobo para acordar o rendemento mínimo do traballo, obrigando aos albaneis a non poñer máis de 50 ladrillos ao día, e aos colledores de olivas a non pasar de catro fanegas polas tres persoas de cada casa (...); non creo que teñan entrado na Historia esas masas campesiñas que antes permanecían tan submisas, ata o extremo de que en 1928 só houbo en España 87 folgas, e no ano 1931 chegaron a 704, subindo a 805 en 1932; nin sequera creo que teñan entrado na Historia esas masas campesiñas que en diversos lugares chegaron ao crime de repugnante aleivosía, porque para alcanzar eses tristes feitos a categoría de historiables sería preciso non excluír da área do proceso inquisitivo a responsabilidade por indución daqueles outros que durante anos e anos se dedicaron a predicar doutrinas extremistas por todos os pobos de España, en presenza de multitudes que teñen a venda da ignorancia posta nos ollos e o veleno do odio infiltrado no corazón.

Economía Española. Marzo de1933 [cast.]

20. Obxectivos electorais da coalición antimarxista en 1933

As forzas da dereita presentaron unha fronte común nunha coalición antimarxista para as eleccións de novembro de 1933 que pretendía a revisión da Constitución, da lexislación laica e a paralización das reformas emprendidas, especialmente na agricultura.

Electores de Madrid (...): Os candidatos da coalición antimarxista defenderán resoltamente e con todo empeño a necesidade dunha inmediata derrogación, pola vía que en cada caso proceda, dos preceptos, tanto constitucionais como legais, inspirados en designios laicos e socializantes (...); traballarán sen descanso para lograr a

(15)

cancelación de todas as disposicións confiscadoras da propiedade e persecutorias das persoas, das Asociacións e das crenzas relixiosas (...).

A impedir que a política anticatólica, antieconómica e antinacional, representada polo socialismo e os seus subalternos auxiliares, máis ou menos descubertos ou subrepticios, prevaleza ou sequera inflúa predominantemente, como ata agora, na gobernación do Estado, irán vigorosa e enerxicamente encamiñados, todos os nosos esforzos. Procedentes os que constitúen a candidatura antimarxista de campos políticos diferentes e aínda opostos, conservan íntegra a súa plena liberdade para defender no Parlamento ou fóra del as solucións que ante os máis palpitantes problemas da actualidade preconiza o seu respectivo ideario. Pero coinciden na necesidade inaprazable deste urxente chamamento a todos os españois: aos indiferentes, para que deixen de selo; aos homes de boa vontade, para que nos axuden; aos adversarios leais, para que nos escoiten, e, en definitiva, nos respecten.

Manifesto electoral [da candidatura antimarxista por Madrid]. 31-10-1933 [cast.]

21. Ideario político de FE-XONS

Os grupos de ideoloxía fascista defendían a ultranza a unidade de España e a superioridade do Estado fronte ao individuo; rexeitaban o parlamentarismo, a democracia e os partidos políticos, e defendían a violencia para combater aos que eles consideraban inimigos da patria.

1. Cremos na suprema realidade de España. Fortalecela, elevala e engrandecela é a urxente tarefa colectiva de todos os españois. Á realización desta tarefa terán que pregarse inexorablemente os intereses dos individuos, dos grupos e das clases.

2. España é unha unidade de destino no universal. Toda conspiración contra esta unidade é repulsiva. Todo separatismo é un crime que non perdoaremos.

A Constitución vixente, en cuanto que incita ás disgregacións, atenta contra a unidade de destino de España. Por iso esiximos a súa anulación fulminante.

6. O noso Estado será un instrumento totalitario ao servizo da integridade patria. Todos os españois participarán nel a través da súa función familiar, municipal e sindical. Ninguén participará a través dos partidos políticos.

9. Concibimos a España, no económico, como un xigantesco sindicato de produtores. Organizaremos corporativamente á sociedade española mediante un sistema de sindicatos verticais por ramas da produción, ao servizo da integridade económica nacional.

10. Rexeitamos o sistema capitalista, que se desentende das necesidades populares, deshumaniza a propiedade privada e amontoa aos traballadores en masas informes, propicias á miseria e á desesperación. O noso sentido espiritual e nacional repudia tamén o marxismo. Orientaremos o ímpeto das clases laboriosas, hoxe descarreiradas polo marxismo, no sentido de esixir a súa participación directa na gran tarefa do Estado nacional.

(16)

22. Alianza Obreira en Asturias

O temor do avance do fascismo estimulou a busca de acordos e a formación da Alianza Obreira das forzas de esquerda. En Asturias logrouse un acordo entre UXT, a CNT e a Federación Socialista de Asturias ás que se incorporaron posteriormente os comunistas, co obxectivo de lograr a revolución social.

As organizacións que subscriben, UXT e CNT, conveñen entre si en recoñecer que, fronte á situación económico-política do réxime burgués en España, imponse a acción mancomunada de todos os sectores obreiros, co exclusivo obxecto de promover e levar a efecto a revolución social. A tal fin, cada organización das que subscriben quedan comprometidas a cumprir o compromiso fixado neste pacto, baixo as condicións seguintes:

1º. As organizacións asinantes deste pacto traballarán de acordo, ata conseguir o triunfo da revolución social en España, establecendo un réxime de igualdade económica, política e social, fundado sobre principios socialistas federalistas.

2º. Para a consecución deste fin, constituirase en Oviedo en Comité Executivo, en representación de todas as organizacións adheridas a este Pacto, o cal actuará de acordo con outro nacional e do mesmo carácter, para os efectos da acción xeral en España (...).

10º. Desta Alianza revolucionaria forma parte, por estar de acordo co contido do Pacto, a Federación Socialista Asturiana.

Pacto UXT-CNT. 28-3-1934 [cast.]

23. As xornadas de outubro de 1934 en Cataluña

A política rectificadora do Goberno radical-cedista desembocou na revolución de 1934. En Cataluña o goberno da Generalitat proclamou o Estado catalán, situación controlada rapidamente polo exército e o Goberno central.

Xoves día 4. Ás seis e media da tarde, estando eu no meu despacho, tráenme a lista do novo Goberno Lerroux, que acaban de transmitir os teletipos da Delegación de La Vanguardia en Madrid. De seguida dígome: isto vai ser o botafogo. (...)

Venres 5. Paro xeral, disposto polos elementos ao servizo do Goberno de Cataluña. Cousa nunca vista: un paro desta clase, organizado polo Poder público. (...) Despois de cear escoitamos o que di a radio. A emisora de Radio Barcelona, informada pola Generalitat, espalla noticias graves, de Eibar, Mieres, Medina de Rioseco, Ferrol, Cartaxena, etc. En Madrid a situación non é moi clara. Que haberá de todo iso?... Sábado 6. (...) Por fin, ao atardecer, dinnos que o Presidente de Cataluña falará ao pobo ás oito desde o balcón da Generalitat. (...) A silenciosa estancia onde eu escoito inúndase dun bronco rumor, como de fervedoiro humano. É o xentío apertado na praza da República. (...) Alguén acércase ao balcón. É el: o Presidente. É Companys. Unha estrepitosa ovación saúda a súa presenza ante o pobo. (...) E a voz característica do Presidente, co seu acento leridano, álzase en medio dun silencio impoñente: "Cataláns". (...). As súas palabras son como outros tantos lóstregos. Proclama o Estado Catalán dentro da República Federal Española, ofrece asilo ao Goberno provisional que se forme e, finalmente rompe as relacións co Goberno de Madrid. É algo

(17)

formidable. Mentres escoito paréceme como se estivese soñando. Iso é, nin máis nin menos, unha declaración de guerra. É unha declaración de guerra -que equivale a xogalo todo, audazmente, temerariamente-, no preciso instante en que Cataluña, tras longos séculos de submisión lograra, sen risco algún, grazas á República e á Autonomía, unha posición incomparable dentro de España (...)

Ás dez e media, bruscamente, anúnciannos que as tropas do goberno de Madrid intentaron asaltar a Consellería de Gobernación, pero foron rexeitados. Ah, meu Deus! Xa se armou a cousa!. (...)

Domingo 7. E, de súpeto, unha voz nova, grave, di textualmente: "Atención!... Cataláns!... Fálasevos desde o Palacio presidencial de Cataluña... Atención!... O presidente da Generalitat, considerando esgotada toda resistencia, e coa finalidade de evitar sacrificios inútiles, capitula. (...)”

E para iso declarouse onte a guerra, ás oito da noite! Para perdelo todo dez horas despois?

La Vanguardia. 9-10-1934 [cast.]

24. A revolución de outubro de 1934 en Asturias

A revolución de Asturias de outubro de 1934, protagonizada pola alianza de todas as forzas obreiras, pretendía facerse co poder político e o control dos medios de produción. Foi controlada en poucos días pola intervención da Lexión e os Regulares dirixidos polo xeneral Franco.

Da criminal rebelión socialista en Asturias (...). Por algúns viaxeiros procedentes de Oviedo empezan a coñecerse detalles da vida verdadeiramente angustiosa vivida pola poboación civil.

Refiren aqueles o terrible desacougo deses días en que os habitantes de Oviedo estiveron sometidos aos atropelos dos revolucionarios. A veciñanza permaneceu encerrada nas súas casas. Moitas familias, ocultas en sotos e faiados, ante o temor de ser vítimas dos rebeldes. O tiroteo foi realmente espantoso e incesante durante todos eses longos días, sen que cesase sequera na noite, salpicado este tiroteo por fortes e imponentes explosivos que nun principio críanse que foran froito do bombardeo da Aviación, pero que máis tarde, sóubose que era obra dos revolucionarios dedicados a saquear e destruír por medio de bombas e cartuchos de dinamita os mellores edificios da cidade. (...) A chegada de forzas do exército endureceu aos revolucionarios, que aumentaron os seus ataques aos edificios onde aínda se defendían as tropas da guarnición. Algúns veciños eran obrigados a combater nas barricadas, e outros máis significativos foron recollidos como reféns (...).

Víase entre os revolucionarios aos máis exaltados elementos da cunca mineira. O día que se soubo con certeza a chegada das columnas liberadoras, foi o máis angustioso para os habitantes de Oviedo, pois o tiroteo que se iniciou foi intenso na noite do venres e xa non cesou en todo o día do sábado, percibíndose as explosións das bombas da artillería e a aviación, concentradas nos arredores da estación do ferrocarril e a Fábrica de Armas.

(18)

25. A represión da revolución de Asturias

A paralización e rectificación das reformas emprendida polos gobernos no Bienio de dereitas, provocou as protestas das forzas de esquerda que desembocaron nos sucesos de 1934. Especialmente grave foi a revolución social en Asturias, que rematou en fracaso, coa intervención da Lexión e os regulares de Marrocos ao mando do xeneral Franco e cunha forte represión posterior.

Por triste e angustiosa experiencia propia e allea, podemos testificar que, agás casos moi contados, todos os detidos en Asturias a consecuencia do movemento revolucionario de outubro, e xa plenamente sufocado este, foron sometidos sistematicamente a malos tratos polos órganos executivos da autoridade; malos tratos que, en número incontable de casos, pasan xa o concepto de tales, para converterse en tormentos cualificados e en refinadas torturas, que se aplican coa finalidade de escarnecer aos presos, quebrantar o seu espírito e facerlles subscribir, perdido o dominio da vontade, as acusacións que se lles formulaban e, non poucas veces, declaracións que xa estaban redactadas de antemán e cuxo contido ignoraba o asinante. Os golpes e as malleiras eran norma xeral en todas as prevencións, acompañados de insultos e vexacións de palabra indescritibles. En moitos, en moitísimos casos, estes procedementos de violencia combinábanse con métodos de tortura, de cuxas modalidades non pretendemos facer unha relación completa. Anticipando os dos casos documentais que deseguida exporemos, si podemos puntualizar os seguintes: retorcemento de testículos; aplicación de fogo as órganos sexuais e outras partes do corpo; atenazamento das mans e doutros membros; emprego do trinquete e o poldro; golpeamento con martelos das mans e os xeonllos; introdución de palillos entre as uñas e a carne dos dedos; rociamento de partes espidas do corpo con auga fervendo; colocación de xeonllos sobre pedriñas miúdas; simulacros de fusilamentos; (...). Sobre este fondo sombrío de tormentos, que non esgotan non con moito a terrible realidade, destácanse como os máis usuais e empregados dun modo máis reiterativo, os coñecidos cos nomes do trimotor, do tubo da risa e o baño maría.

Carta das 547 sinaturas. Cárcere Modelo, Oviedo, Xaneiro de 1935 [cast.]

26. Propaganda electoral da CEDA nas eleccións de 1936

A radicalización política e social foi en aumento no ano 1936 e, ante a convocatoria de novas eleccións, a dereita -representada pola CEDA- defendía un Estado forte e militar e reclamaba o voto dos indecisos para impedir a revolución que cría inminente.

Acción Popular. Contra a revolución e os seus cómplices! Revolución ou contrarrevolución. Anti-España ou España. Ou eles ou nós.

Quen se absteña de votar é un traidor e un criminal. O que sendo propietario de algo non axuda á Fronte contrarrevolucionaria é un suicida e un insensato. Hai que esmagar a revolución. O marxismo non pasará. Todo o poder para o XEFE. VOTADE A ESPAÑA! CONTRA A REVOLUCIÓN E OS SEUS CÓMPLICES!

Elector: Se queres conservar o benestar que gozas, sacrifica o teu egoísmo o próximo 16 de febreiro, e aínda que teñas que facer cola como un vulgar cidadán, non deixes de votar.

(19)

NAS PASADAS ELECCIÓNS NON O FIXECHES Impediucho unha gran enfermidade? Ou, pola contra, foi a satisfacción dun capricho, ou o que é peor, a túa covardía, a causa de que non cumpriras co teu deber de cidadán? O TEU VOTO FAI FALTA A ESPAÑA.

Que o teu nome non teña que ser abominado polos bos españois.

CEDA. Programa electoral. 1936 [cast.]

27. Chamada ao voto da Fronte Popular

As forzas de esquerda lograron un acordo electoral no Pacto da Fronte Popular, subscrito por republicanos de esquerda, socialistas e comunistas, que contou co apoio tácito dos anarquistas, presentándose conxuntamente ás eleccións de febreiro de 1936.

A Fronte Popular de esquerdas. Aos traballadores, aos pequenos industriais e comerciantes, aos intelectuais, á opinión pública en xeral. O engano e o suborno, a calumnia e o matonismo, son as armas innobres que empregan as dereitas na loita electoral. Os usureiros, os grandes capitalistas, os acaparadores, os "amos" que fan pagar rendas monstruosas e pagan xornais de fame (...). Atención obreiros. Co ouro das dereitas difámase aos vosos dirixentes e preténdese comprar a vosa dignidade, a cambio do voso porvir inmediato e do pan e a cultura dos vosos fillos (...).

Din que eles son España e levaron os mouros a Asturias para "razziar" os fogares de honrados españois e saciar os máis sucios e obscenos apetitos. Din que eles son España e lanzaron á fame e á desesperación a cen mil familias de campesiños, desafiuzándoos das súas terras. Din que eles son España e convertérona en vergonza do mundo a forza de inmoralidades. España somos nós. Os traballadores os pequenos industriais e comerciantes. As capas modestas do país. CEDA, agrarios, radicais e monárquicos son os seus vampiros: os vividores do patriotismo, OS SEUS CARTOS: ESA É A SÚA PATRIA. Pequeno comerciante: os xornais de fame, os soldos escasos, o paro, diminúen o poder de compra dos obreiros e empregados. Obreiros e empregados son a maioría dos teus clientes. Canto máis gañen eles, máis che comprarán. Máis gañarás ti. (...) CEDA, AGRARIOS, RADICAIS E MONÁRQUICOS, son os inimigos da túa propiedade.

Intelectuais, artesáns, empregados, arrendatarios, pequenos agricultores, o voso interese está en que triúnfe a FRONTE POPULAR DE ESQUERDAS.

Ao suborno, á inxustiza e ao matonismo fascista, respondede VOTANDO Á FRONTE POPULAR DE ESQUERDAS.

FRONTE POPULAR. Propaganda electoral. Xaneiro de 1936 [cast.]

28. A defensa dun Estado forte e militar

A convocatoria de novas eleccións para febreiro de 1936 abriu unha campaña electoral moi radicalizada entre as forzas políticas e sociais. A dereita defendía un Estado forte e militar e reclamaba o voto dos indecisos para impedir a anarquía e a revolución que crían inminente.

(20)

Se predica por algúns a obediencia á legalidade republicana; mais, cando a legalidade se emprega contra a patria e é conculcada nas alturas, non é que sobre a obediencia, é que se impón a desobediencia. Non faltará quen crea ver nestas palabras unha invocación directa á forza. (...). Para que a sociedade realice unha defensa eficaz, necesita apelar á forza. A cal? á orgánica; á forza militar, posta ao servizo do Estado (...).

Hoxe, as nacións, minadas polas grandes discordias -a social, a económica, a separatista- necesitan un Estado forte, e non existe un Estado forte sen exército poderoso (...). Prefiro ser militarista a ser masón, a ser marxista, a ser separatista e incluso a ser progresista. Hoxe o exército é base de sustentación da Patria. Subiu da categoría de brazo executor, cego, xordo e mudo, a de columna vertebral sen a cal non se concibe a vida. (...) Cando as hordas vermellas do comunismo avanzan, solo se concibe un freo: a forza do Estado e a transformación das virtudes militares -obediencia, xerarquía, disciplina- á sociedade mesma. Por iso invoco ao exército e pido patriotismo a impulsalo. Hoxe o exército é a Nación en armas, e a nación, o exército da paz. (...)

A por España, a por ela, a continuar a nosa historia, a liberala das trampas que a combaten, dos traidores que a saquean, do marxismo que a divide, e do separatismo que a fracciona, e da masonería que a persigue, e do laicismo que a envelena, e do parlamentarismo inorgánico que a despeza, e dos partidos políticos que a corrompen, e do marasmo económico que a arruína, e da indisciplina social e política.

Xosé CALVO SOTELO. Discurso. Madrid, 12-2-1936 [cast.]

29. Reivindicacións no Primeiro de Maio ao goberno da Fronte Popular

Tras o triunfo da Fronte Popular, as diferentes forzas políticas e sociais, en defensa dos seus propios intereses, esixían a intensificación das reformas e incluso a revolución.

1. Recoñecemento polo Goberno español do Goberno da URSS.

2. Inmediato cumprimento do pacto de Bloque Popular e, no que se refire a responsabilidades, pedimos o rápido encarceramento de todo o Goberno Lerroux-Gil Robles.

3. Xornada de 44 horas semanais.

4. O mesmo salario para homes e mulleres que realicen igual traballo.

5. Creación ininterrompida de escolas, acceso da xuventude obreira ás aulas universitarias.

6. Dereitos políticos para os xoves de 18 años, incluso soldados.

7. Abolición dos foros, que sexan reintegradas aos campesiños as cantidades aportadas para a súa redención, e que se rebaixen todos os impostos que gravitan sobre os campesiños pobres e medios.

8. Extensión do Crédito Agrícola.

9. Socorro polo Estado aos obreiros sen traballo.

10. Expropiación dos bens do clero e da Igrexa, en beneficio dos obreiros e campesiños pobres.

11. Expulsión do exército e corpos armados de todos os xefes e oficiais monárquicos e fascistas.

(21)

12. Suspensión de toda a prensa monárquica e fascista, incautación das súas imprentas e encarceramento dos seus dirixentes.

13. Recoñecemento polo Estado das milicias obreiras e campesiñas. 14. Humanización do réxime de prisións.

FEDERACIÓN LOCAL DE TRABALLADORES DE PONTEVEDRA. Conclusións elevadas ao Goberno. 1-5-1936 [cast.]

30. Un modelo anarquista de organización social

O anarquismo foi unha corrente ideolóxica e política que rexeitaba todo tipo de poder (parlamentos, exército, igrexa, nacións, gobernos…) e propoñía o establecemento dunha nova sociedade baseada na constitución de comunas libertarias federadas.

A expresión política da nosa revolución temos que asentala sobre esta triloxía: O HOME, A COMUNA E A FEDERACIÓN. (...)

A base desta administración será a comuna. Estas comunas serán autónomas e estarán federadas rexional e nacionalmente para a realización dos obxectivos de carácter xeral (...). Así pois, unha comuna de consumidores (...) comprometerase a acatar aquelas normas de carácter xeral que despois de libre discusión foran acordadas por maioría. En cambio, aquelas comunas que, refractarias á industrialización, acorden outras clases de convivencia, como por exemplo os naturalistas, e nudistas, terán dereito a unha administración autónoma, desligada dos compromisos xerais. (...)

En conclusión propoñemos: A creación da comuna como entidade política e administrativa. A comuna será autónoma, e confederada ao resto das comunas. As comunas federaranse comarcal e rexionalmente, fixando a vontade os seus límites xeográficos, cando sexa conveniente unir nunha sola comunidade pobos pequenos, aldeas e lugares. O conxunto destas comunas constituirá unha Confederación Ibérica de Comunas Autónomas Libertarias.

Para a función distributiva da produción, e para que poidan nutrirse mellor as comunas, poderán crearse aqueles órganos suplementarios, encamiñados a conseguilo. Por exemplo: un Consello Confederal de Produción e Distribución, con representacións directas das Federacións nacionais de Produción e do Congreso anual de Comunas.

CONGRESO FEDERAL. CNT. Ditame. Zaragoza, maio de1936 [cast.]

31. Os preparativos do golpe de Estado

O temor aos cambios socioeconómicos e a perda do poder político estimulou aos sectores da dereita para deseñar un golpe de Estado, optándose por unha sublevación militar que controlase rapidamente ás autoridades e ás forzas fieis ao Goberno republicano, e que establecese un Directorio dirixido por Sanjurjo.

Tan pronto teña éxito o movemento nacional, constituirase un Directorio, que estará integrado un presidente e catro vocais militares. (...) O Directorio exercerá o poder con toda a súa amplitude; terá a iniciativa dos Decretos-Leis que se diten. (...) Os primeiros Decretos-Leis serán os seguintes:

(22)

a) Suspensión da Constitución de 1931. b) Cese do presidente da República e membros do Goberno. (...) c) Defensa da ditadura republicana. As sancións de carácter ditatorial serán aplicadas polo Directorio sen intervención dos Tribunais de Xustiza. (...) f) Disolución das actuais Cortes. (...) i) Declarar fóra da Lei todas as seitas e organizacións políticas que reciben a súa inspiración do estranxeiro. j) Separación da Igrexa e do Estado, liberdade de cultos e respecto a todas as relixións. (...) l) Extinción do analfabetismo. r) Restablecemento da pena de morte nos delitos contra as persoas (...).

O Directorio comprometerase durante a súa xestión a non cambiar o réxime republicano, a manter en todo as reivindicacións obreiras legalmente logradas, a reforzar o principio de autoridade e os órganos da defensa do Estado, a dotar convenientemente ao Exército e á Mariña para que tanto un coma outra sexan suficientes, á creación de milicias nacionais, a organizar a instrución preliminar desde a escola, e a adoptar cantas medidas estimen necesarias para crear un Estado forte e disciplinado.

O DIRECTOR [Emilio Mola]. Instrución reservada. 5-6-1936 [cast.] 32. Acusacións das dereitas ao Goberno e á democracia

A desorde pública, a violencia e os atentados dun e doutro signo, as folgas e disturbios crecentes, foron empregados polos grupos de dereitas para desacreditar ao réxime republicano e ao goberno da Fronte Popular.

España padece o fetichismo da turbamulta. (...) Que é a turbamulta? A minoría vestida de maioría. (...) A lei da turbamulta é a lei da minoría disfrazada co ademán groseiro e vociferante, e iso é o que está imperando agora en España; toda a vida española nestas últimas semanas é un puxilato constante entre a horda e o individuo, entre a cantidade e a calidade, entre a apetencia material e os resortes espirituais, entre a avalancha brutal do número e o impulso selectivo da personificación xerárquica, sexa cal fose a virtude, a herdanza, a propiedade, o traballo, o mando; o que fose; a horda contra o individuo. E a horda triúnfa porque o Goberno non pode rebelarse contra ela ou non quere rebelarse contra ela, e a horda non fai nunca Historia, señor Casares Quiroga; a Historia é obra do individuo.

Xosé CALVO SOTELO. Discurso [nas Cortes]. Xuño de 1936 [cast.]

33. O plebiscito de Estatuto galego. Resultados

O triunfo das dereitas en novembro de 1933 paralizou o proceso da autonomía galega, que non se puido retomar ata despois do triunfo da Fronte Popular. O 28 de xuño de 1936, tras unha intensa campaña a favor da autonomía, o pobo galego aprobou o Estatuto de Autonomía.

Censo electoral de Galicia: 1.343.135

Votantes 1.000.963 = 74,52% Votos afirmativos 993.351 = 99,05% dos votantes Votos negativos 6.161 = 0,6% dos votantes

(23)

En branco 1.451 = 0,1% dos votantes

La Voz de Galicia. 7-7-1936

34. A disolución do exército e entrega de armas aos obreiros en xullo de 1936

Para facer fronte á insurrección militar iniciada en Marrocos, o Goberno republicano decretou o cese dos sublevados nos seus cargos e a disolución dos corpos militares que os apoiaban. Posteriormente foron entregadas armas ás organizacións proletarias.

A proposta do ministro da Guerra e de acordo co Consello de Ministros, veño en decretar a anulación da declaración do estado de guerra en todas as prazas da Península, Marrocos, Baleares e Canarias, onde fora ditada esta medida, quedando incursos nas máximas responsabilidades os infractores deste decreto, e relevadas de obediencia aos xefes facciosos as forzas militares. (...) Quedan disoltas todas as unidades do exército que tomen parte no movemento insurreccional. (...) Quedan licenciadas as tropas dos cadros de mando que se colocaron fronte á legalidade republicana (...). Veño en dispoñer que o xeneral de división don Virxilio Cabanellas Ferrer cese no mando da Primeira División orgánica (...). Veño en dispoñer que o xeneral de división don Francisco Franco Bahamonde cese no mando da Comandancia Militar de Canarias.

Decreto [de desmobilización]. 18-7-1936 [cast.]

A xornada do domingo [19] en Madrid. (...) No paseo da Castellana verificouse ás catro e media da tarde a concentración de xoves mobilizados para nutrir as milicias que desde a noite anterior prestaban servizo. Reuníronse varios centenares de homes de todas as idades, que acudiron ao ministerio da Guerra para que se lles provese de armas. A entrega do armamento facíase previa comprobación da personalidade do demandante, acreditada por volantes expedidos pola Casa do Pobo.

El Sol. 21-7-1936 [cast.]

35. O triunfo do alzamento en Galicia

En Galicia a sublevación militar iniciouse o día 20. Tras breves enfrontamentos coas forzas leais na Coruña, Vigo e Ferrol, os sublevados fixéronse co control do territorio.

Xa o día 20 [na Coruña], e tras a detención do xeneral Caridad Pita no cuartel de Infantería e de Salcedo en Capitanía, comeza o ataque desde o Parrote ao edificio do Goberno Civil. Nel estamos [Manuel Fernández dirixente do Partido Sindicalista] bastantes representantes dos partidos de esquerda, ademais do propio gobernador e da súa esposa, o alcalde Suárez Ferrín e o secretario do Concello Xaquín Martín (...). Ás 6 da tarde, cesa a resistencia e saímos, baixo a vixilancia das forzas do exército que nos conducen ao cuartel de Infantería e posteriormente ao cárcere (...). Martín (...) sería fusilado o 31 de agosto xunto co Alcalde e outras personalidades (...).

Para maior escarnio, cando se ía a pasear a alguén, primeiro poñíano en liberdade. Á saída do cárcere, estábano esperando (...). A única nota simpática, entre tanta

(24)

masacre, déronma uns amigos, aos que tamén pasearían, que querían que dese unhas charlas sobre o amor libre a todos os que alí estabamos. Sentíame sen ánimos e non as din. E por fin, a finais de setembro (...) sacáronme do cárcere, desterrándome a Betanzos. Alí, xa me parecía demasiada sorte, quixéronme pasear. Logrei escapar e pasei escondido toda a guerra.

Manuel FERNÁNDEZ. Testemuño (En Carlos FERNÁNDEZ SANTANDER. O Alzamento de 1936 en Galicia. 1982) [cast.]

Españois: Só noticias gratas son as que estou recibindo, e debo comunicar a vostedes que Pontevedra uniuse ao Movemento; o exército tomou posesión do Goberno Civil, Concello e demais centros oficiais, tras unha pequena resistencia, que foi vencida ao iniciarse o canoneo polas forzas. Tamén uníronse as cidades de Vigo e Santiago, que con todo entusiasmo puxéronse ao noso lado. (...) Volverei a falar ás dez da noite, se hai noticias interesantes que comunicar (...).

Sevillanos: Viva España!

Gonzalo QUEIPO DE LLANO. Alocución [emitida por radio Sevilla]. 23-7-1936 [cast.]

36. A nova España

Os protagonistas da sublevación definírona como un Alzamento Nacional de apoio espontáneo, popular e cívico-militar, protagonizado polos sectores sans da sociedade e da patria. A parte do país que quedou baixo o seu control foi cualificada co nome da España Nacional, encarnación do pobo que vai loitar contra os outros, a antipatria, a chusma marxista, os rojos.

Pregúntasenos que a onde imos. É fácil e xa temos repetido moitas veces. A impoñer a orde, a dar pan e traballo a todos os españois e a facer a xustiza por igual. Logo, sobre as ruínas que a Fronte Popular deixe -sangue, lama e bágoas- edificar un Estado grande, forte e poderoso que remate, nas alturas, nunha cruz de amplos brazos, sinal de protección para todos. Cruz sacada dos escombros da España que foi, pois a cruz, símbolo da nosa relixión e da nosa fe, o único que quedou a salvo entre tanta barbarie que intentaba tinxir para sempre as augas dos nosos ríos co carmín glorioso e valente do sangue español.

En resume: nin rendemento, nin abrazos de Vergara, nin pactos de Zanjón, nin nada que non sexa a vitoria esmagante e definitiva. Despois, se o pobo o pide, haberá piedade para os equivocados, pero para os que alentaron a sabendas unha guerra de infamia, crueldade e traizón, para eses, xamais. (...)

Pido aos crentes que dediquen unha oración polas almas dos que morreron na santa cruzada de salvar á patria; aos que non sexan, un recordo. E eu, máis obrigado que ninguén, prometo unha oración, o recordo e para as súas tumbas as mellores flores do meu xardín.

Viva España!

Referências

Documentos relacionados

O estudo sobre os cristãos-novos e a Inquisição em nossa historiografia tem sido feito desde as últimas décadas do século XX e, nessa perspectiva, buscaremos investigar o diálogo

Trata-se de um estudo realizado junto a 26 enfermeiros de UTI que teve como objetivos caracterizar a periodicidade de realização dos itens componentes do exame físico, identificar

15.2 O prazo máximo admitido para o fornecimento do objeto deste edital é de 10 (dez) dias corridos, contados do recebimento da Nota de Empenho (NE) pelo fornecedor. 15.2.1

Tem como objetivos pensar a disciplina de oncologia no currículo de graduação em enfermagem, pontuando aspectos relevantes de sua inserção, considerando a capacitação e

«Se o tratamento for necessário por motivos de interesse público no domínio da saúde pública, tais como a proteção contra ameaças transfronteiriças graves para a saúde ou

Q.1.2.4 No cálculo dos deslocamentos e das tensões (ver Q.1.2.6) das vigas mistas, devem ser levados em consideração os efeitos de longa duração (fluência e retração do

No relatório emitido pelo DCTA, sob nº 01AMR-E/2011, de 03FEV2011, o parecer final concluiu que a deformação na haste de acionamento do cilindro atuador e a fratura no

2 — Se a zona de caça incluir terrenos sem o con- sentimento dos titulares de direitos sobre os prédios, nos termos do número anterior, aqueles podem, a todo o tempo de duração