Relaciónanse deseguido as principais liñas de actuación que desenvolverá o organismo autonómico competente en materia de conservación da natureza para o desenvolvemento do Plan de conservación do Monumento Natural da Praia das Catedrais, en coordinación e cooperación con outras administracións públicas competentes.
As medidas que integran o presente programa de actuacións derivan da análise da situación actual no ámbito do Plan, e supoñen un conxunto de liñas de actuación destinadas á consecución dos obxectivos específicos expostos no apartado 7 do presente documento.
Obxectivo específico 1: Accións destinadas a avanzar no coñecemento dos valores ambientais e das ameazas para a súa conservación
1.1. PROMOCIÓN DE LIÑAS DE INVESTIGACIÓN PARA A MELLORA DO COÑECEMENTO E INVENTARIO DE HÁBITATS NATURAIS E DAS ESPECIES DE FLORA E FAUNA SILVESTRE
Proponse a realización dun estudo de caracterización e representación cartográfica dos tipos de hábitats naturais e das especies de flora e fauna recollidas na Directiva 92/43/CEE e na Directiva 2009/47/CEE, e determinación do seu estado de conservación. En concreto, preténdese mellorar a información relativa á distribución e conservación do tipo de hábitat prioritario 4040* (Queirogais secos atlánticos costeiros de Erica vagans). 1.2. MELLORAR A INFORMACIÓN RELATIVA Á INFORMACIÓN E ABUNDANCIA DA ESPECIE Limonium dodartii
En relación coa presenza da especie Limonium dodartii (en perigo de extinción no
Catálogo galego de especies ameazadas) deberase confirmar a información relativa á súa presenza no ámbito do monumento natural. No seu caso, identificarase a súa área de distribución, abundancia poboacional e estado de conservación.
Obxectivo específico 2: Accións destinadas a garantir a biodiversidade e a conservación dos hábitats naturais e das especies de fauna e flora silvestres.
2.1. PROTOCOLO DE ACTUACIÓNS PARA O SEGUIMENTO, CONTROL E ERRADICACIÓN DE ESPECIES EXÓTICAS INVASORAS
Establecerase un protocolo de actuacións -a medio e longo prazo- para o seguimento, control e erradicación das especies de flora e fauna exótica invasora identificadas no ámbito do monumento natural e a súa contorna.
2.2. PROGRAMA DE CONSERVACIÓN E RESTAURACIÓN DA MATOGUEIRA COSTEIRA
Nas matogueiras costeiras que tapizan os cantís das Catedrais, especialmente aquelas que comprenden o tipo de hábitat prioritario 4040*, verifícase a presenza de áreas degradadas polas pisadas de visitantes fóra das sendas habilitadas, provocando a
49 de 51
diminución da súa superficie e provocando afeccións sobre o estado de conservación das poboacións de flora e fauna presentes no ámbito.
En consecuencia, desenvolveranse actuacións de restauración da matogueira costeira naqueles sectores degradados polo tránsito de persoas e vehículos. Tales accións completaranse co desenvolvemento das medidas destinada á regulación dos accesos a través dos dispositivos de control e de sinalización que se consideren necesarios.
Obxectivo específico 3: Accións destinadas a promover un uso público ordenado e compatible coa conservación dos valores ambientais do monumento natural.
3.1. REGULACIÓN DE USO PÚBLICO NO MONUMENTO NATURAL DAS CATEDRAIS O acceso público ao monumento natural requirirá de autorización da Dirección Xeral de Conservación da Natureza nos períodos de maior afluencia de visitantes (Semana Santa e época estival), quen habilitará o procedemento de tramitación por vía telemática. Con esta medida preténdese non só garantir a conservación do monumento natural, senón tamén, favorecer a chegada de visitantes ao longo de todo o ano (evitando a estacionalidade) e, polo tanto, mellorar as condicións de uso público e o coñecemento dos valores da praia das Catedrais por parte da poboación en xeral.
3.2. ACCIÓNS DE MELLORA DA CALIDADE DE INFRAESTRUTURAS E SERVIZOS EXISTENTES
3.2.1. Fomento da colaboración interadministrativa
Promoverase de xeito activo a colaboración entre as administracións para mellorar as condicións de acceso e uso público do monumento natural. En concreto, deberanse realizar as actuacións de mellora e adecuación das infraestruturas viarias existentes, necesarias para garantir a seguridade pública e evitar o colapso dos accesos. Favorecerase a homoxeneidade e mellora da sinalización, tanto da existente como das novas sinais que se instalen para a ordenación dos accesos e aparcadoiros.
Fomentarase a coordinación coas administración competentes (Concello e Deputación provincial) para a regulación do tráfico no acceso ao espazo natural, así como a ordenación das áreas de aparcadoiro (impedindo que os vehículos estacionen nos bordes da estrada), mediante a colocación de sinalización, así como reforzando a vixilancia e control do cumprimento da normativa.
3.2.2. Mellora dos equipamentos e da oferta interpretativa
Concentraranse os esforzos na mellora da calidade da sinalización de uso público e da interpretación dos valores naturais do espazo protexido.
3.3. SEGUIMENTO DO CUMPRIMENTO DA NORMATIVA DE USO PÚBLICO
Realizarase un seguimento e control do grao de cumprimento das medidas de uso público, para o cal –especialmente ao inicio da implantación da regulación do acceso ao monumento natural- poderán reforzarse os servizos de vixilancia necesarios para garantir o seu cumprimento no ámbito do Plan.
50 de 51
Ao inicio da implantación da regulación realizarase un seguimento desta medida para analizar a súa eficacia e a adecuación das datas da regulación do acceso e do límite máximo de visitantes.
Obxectivo específico 4: Favorecer a implicación na conservación do monumento natural e a divulgación dos seus valores naturais, xeolóxicos, culturais e paisaxísticos.
4.1.PROGRAMA DE SENSIBILIZACIÓN E INFORMACIÓN
Estableceranse mecanismos de difusión e información á poboación en xeral sobre os valores ambientais do monumento natural, os seus riscos e ameazas para a conservación, así como as normas de uso público contempladas no presente Plan . 4.2. PROMOCIÓN DA COORDINACIÓN ENTRE ADMINISTRACIÓNS
Promoveranse accións de colaboración coa administración estatal, autonómica e provincial, así como coa comunidade científica e a poboación local, para favorecer o coñecemento dos valores naturais e culturais do monumento natural.
51 de 51