• Nenhum resultado encontrado

XOGAR "A PARTIDA" E OUTROS RITUAIS

MAPA 12: OS BARES SOCIABILIDADE E LÍMITES SOCIAIS

4.4.5. XOGAR "A PARTIDA" E OUTROS RITUAIS

“Son catro arredor da mesa, e tres miróns, o cal, por casualidade –esa razón que non existe- fai o número sete, polo que se contan os lumiares do ceo. Mais son catro soamente os que fan o cadrado máxico do xogo. Os outros tres ollan o xogo desde a torre invisible do silencio.”

(Vicente Risco, 1970, Leria. Vigo: Galaxia, p. 137)

Esta práctica social ten nalgúns bares da vila o seu espacio privilexiado. A hora é a do "café", despois das tres ou catro da tarde. Referímonos ás partidas de cartas ou baralla que reunen de cotío ás mesmas persoas nalgúns dos bares. Tamén pode ter lugar a esa hora algunha partida de dominó, aínda que o xogo da baralla é o que máis se practica. As partidas reúnen predominantemente e case exclusivamente a homes; lembremos a adscrición hexemónica dos ámbitos espaciais segundo as normas da construcción dos xéneros:

“Os homes teñen a partida, o traballo, o bar e o futbol; as mulleres non teñen nada, a casa, a misa e a calceta” .

(Muller, 27 anos, 29-1-1996)

A composición dos cuartetos de xogadores connota ao bar como de novos ou de adultos, e así "pola semana" hai unha partida de novos e varias partidas de adultos. A partida dos mozos comeza ás tres da tarde aproximadamente, e adoita rematar ás catro, e logo os mozos marchan ás súas casas ou ao seu traballo. Entre os novos pode xogar algún home corentón pero non un vello: estamos ante un exemplo de distancia xeracional matizada. Esta distancia xeracional está en íntima relación coa celebración de partidas dos distintos grupos xeracionais en diferentes bares, contribuíndo así a connotar aos bares como de novos ou de adultos. As partidas dos adultos que non traballan pola

tarde adoitan comezar ás catro da tarde e prolónganse ata as seis e media ou as sete do serán.

Esta estructura xeracional (partida de novos/partida de adultos) supón un cambio respecto á estructura social de mediados deste século: partidas de señoritos/partida de campesiños, esquema social percibido e reflectido na memoria histórica das xentes de Palas.

A partida, práctica social regular e regulada, vén precedida de saúdos de recoñecemento e encontro(7), norma formal de educación na cal interven o ritual do xesto e a palabra, logo séntanse na mesa da partida e pídenlle un café ao camareiro. A partida pode ser compartida por observadores que seguen o xogo e participan con algún comentario. O xogo de baralla elixido (tute, mus, birisca), os compañeiros cos que se xoga, a mesa e o asento, as normas para coller ou botar cartas ou fichas, os códigos proxémicos e kinésicos(8), todo é ritualizado e ordenado no tempo e no espacio. A partida constitúe unha metáfora da vida cultural da vila: competencia, solidariedade, orde social, división social de xénero. Un elemento clave que envolve o ambiente da partida é a agresividade verbal entre os seus compoñentes:

-"Parecedes ferreiros, se non animo eu esto, non hai quen...!" -"Peito lobo, moito lle petas!"(a un que apostaba moito). -"Cazador!"(a un que vestía un chaleque verde).

-"As cuarenta, coño!". -"Bota o as, carallo!".

-"Que coma o demo á sota!".

-"Me cago en quen pariu ao cabalo!".

O antropólogo Carmelo Lisón(9) fala da agresividade dos galegos na comensalidade, nas regueifas e noutros contextos, e o da partida é un deles. Neste caso os comentarios agresivos xunto coa retranca, ironías, e outras armas verbais (“pullas”, “tacos”, “insultos”, etc.) serven para definir os límites dentro dos cales a burla do outro é socialmente soportable. Desta maneira a partida alivia tensións e conflictos permitindo “pequenas vinganzas verbais” de sentido profundo e humano.

Pero alén do uso da agresividade como caixa de ferramenta cultural, a partida supón en moitos casos un espacio social de intercambio de información sobre o que sucedeu na vila, de sanción moral para determinadas accións dos veciños, e de crítica política.

Outro elemento clave da partida é a invitación aos cafés e ás consumicións feitas durante a partida; a norma na vila é que pague un dos membros da parella que perdeu a partida. Neste caso a invitación é expresión do recoñecemento da derrota, é o xogo quen decide o invitador, ser invitado vén ser o premio dos gañadores e o estímulo da competencia. Pero a invitación pode tamén producirse noutros contextos:

A) Cando alguén paga o que está tomando outra persoa coñecida no mesmo bar, pero coa cal non chegou incluso a intercambiar un saúdo ou a manter unha mínima conversa.

B) Cando alguén paga o que está tomando unha persoa coa cal comparte o tempo, unha conversa, un encontro, etc.

Nestes dous contextos o pago do convite está en relación cos principios de recoñecemento, reciprocidade, retribución e agradecemento á persoa invitada, persoa coa cal o invitador mantén certo tipo de relación de identidade (veciñanza, amizade, parentesco...) que se afirma nesta acción social.

Pero a invitación tamén vén influída por outras variables como a idade ou o estatus socio-económico. E por iso tende a invitar a persoa de máis idade ou o que ten un máis alto estatus socio-económico na xerarquía social (situación laboral, posición de clase, propiedades, estudios...); alén diso a tendencia na vila é que o home invite á muller. En contra do anteriormente dito falan as pautas "modernas" desde o ponto de vista local, que tenden a cambiar as que anteriormente eran dominantes, desta maneira algúns grupos de mozos con aparente igualdade de estatus socio-económico tenden a reafirmar a súa equidade establecendo a pauta dun "fondo común" ou "fondo" ao cal todos achegan a mesma cantidade de diñeiro, e é unha das persoas do grupo quen administra ese fondo á hora de tomar algo, adquirindo o rol de "tesoureiro". Aínda que esta pauta non é moi común na vila, si é algo máis frecuente entre

os mozos cando se desprazan a divertirse á veciña vila de Melide, un dos seus obxectivos menos explícitos é o de prolongar o tempo de reunión festiva e o de consumo de sociabilidade dos grupos de amizade. O “fondo común”, practicado com asiduidade na vila de Melide, reafirma a equidade entre os participantes, e tamén o submetemento a unha disciplina común, pero nela o individuo é respeitado nas súas preferencias de bebida e na hora de regreso ás zonas de procedencia.

Outra pauta que podemos cualificar de "moderna" é permitir que a muller pague invitacións nos bares, algo que non adoita producirse, e cando se produce ten lugar entre os mozos e as parellas mozas.

4.4.6. CONCLUSIÓNS

O bar, espacio privado aberto ao público, é unha categoría espacio-temporal que expresa normas morais. O bar constitúe un locus de análise, un espacio de circulación de bens e persoas, un espacio de recoñecemento, de encontro, e de intensa sociabilidade. Ademais é un espacio xeracional, un espacio de contido político, e tamén de definición dos xéneros.

Nos bares da vila ten lugar a re-afirmación e re-creación do sentimento de pertenza á mesma, sustentada en práticas rituais que definen o “sentido de lugar”, alimentan as ligazóns emocionais entre as persoas, e combaten o sentimento de desraizamento e desterritorialización da tardomodernidade tardía dos que viven na vila “a tempo parcial”, reforzan desta maneira a súa pertenza ao grupo humano vilego.

A memoria histórica volveu revelar unha maior comprensión destes espacios, e así descubrir os cambios de valores, as reconversións do local e os axustes ao global conforme á lóxica local e un hibridismo de pluralidades. Descobrimos como as accións sociais poñen límites ao desanclaxe total que tan á lixeira profetizan algúns teóricos, a lectura semiótica deste espacio polisémico mostrounos o bar como un espacio heterosincrónico, é dicir, nel conviven temporalidades heteroxéneas sobre un mesmo espacio. En definitiva, este cronotopo mostra ao meu modo de ver unha rearticulación particular do local, nun proceso xeral de construcción in situ dunha glolocalidade non lineal nen homoxénea.

(1)

La Voz de Galicia, 20-7-1996, p.29.

(2)

WRAY MCDONOGH, G.(1992): "Bars, Gender, and Virtue: Myth and Practice in Barcelona´s Barrio Chino", en Anthropological Quaterly nº 1, vol. 65, p. 29.

(3)

GONZÁLEZ ALCANTUD, J.A.(1983): "Temas de Antropología Urbana: Los Bares", en Gazeta de Antropología nº 2, pp. 11-20.

(4)

CUCÓ I GINER, J. (1995): La amistad. Perspectiva antropológica. Barcelona: Icaria, pp. 83- 85.

-LAMELA VIEIRA, M. C. (1998): La cultura de lo cotidiano. Madrid: Akal, pp. 121-137. -LEFEBVRE, H.(1971, or.1970): De lo rural a lo urbano. Barcelona: Península, p. 136.

-PAIS DE BRITO, J. (1991): “A taberna: lugar e revelador da aldeia”, en O´NEILL, B. e PAIS DE BRITO, J. (coords.): Lugares de Aqui. Actas do Seminario “Terrenos Portugueses”. Lisboa: Dom Quixote, pp. 167-199.

-WYLIE, L. (1974, or. 1957): “At the Café”, em Village in the Vancluse. Cambridge: Harvard University Press, pp. 243-268. Esta obra está baseada nun traballo de campo feito no Roussillon francés.

(5)

En Miranda do Douro (Portugal) e noutros locais de traballo de campo como Boal (Asturias) e Alijó (Portugal) teño observado esta pauta de xénero. En Miranda do Douro unha informante díxome que o seu pai prohibía que saíran soas de solteiras, e de casadas o seu pai dicía: "Que vão fazer fora as casadas, agora que já estão casadas!". Tamén é preciso salientar a mudanza xeracional e o esforzo das mulleres por emanciparse de eses impedimentos á súa mobilidade e á posibilidade de ampliar as súas relacións sociais. Sobre esta cuestión tan tratada pola antropoloxía do mediterráneo –o papel da muller baixo o binomio da honra e da vergoña-, recomendo ler a seguinte obra crítica e rupturista: -COLE, S. (1994, or. 1991): Mulheres da Praia. O trabalho e a vida numa comunidade costeira portuguesa. Lisboa: Dom Quixote.

(6)

Citado en FOURNIER, D. (1992): “Del mosto al cuba-libre, la evolución de la “cultura de bar” en la Baja Andalucía”, en El Folklore Andaluz. Revista de cultura tradicional, nº 9, p. 98.

(7)

A dimensión do encontro foi moi ben estudada por:

-GOFFMAN, E.(1979, or.1971): Relaciones en público. Madrid: Alianza, p. 80 e ss. O encontro como pracer foi estudado por:

-MINTZ, S. (1996): Tasting Food, Tasting Freedom. Boston: Beacon Press.

-HIRSCHMAN, A. O. (1997): “Función de las esferas pública y privada”, en Claves nº 74 (xullo- agosto 1997), pp. 2-9.

(8)

Un valente uso do concepto de kinesia e proxémica aplicado aos rituais encóntrase en: LISÓN TOLOSANA, C. (1992): La imagen del Rey. Monarquía, realeza y poder ritual en la casa de los Austrias. Madrid: Espasa-Calpe, p. 141.

(9)

LISÓN TOLOSANA, C.(1981,or.1974): Perfiles simbólico-morales de la cultura gallega. Madrid: Akal, pp. 29-60.

Documentos relacionados