• Nenhum resultado encontrado

O ESTATUTO DE AUTONOMÍA DE GALICIA: ESTRUTURA E CONTIDO AS COMPETENCIAS

TEMA 3. O ESTATUTO DE AUTONOMÍA DE GALICIA: ESTRUTURA E CONTIDO AS COMPETENCIAS DA COMUNIDADE AUTÓNOMA DE GALICIA: EXCLUSIVAS,

II. AS COMPETENCIAS DA COMUNIDADE AUTÓNOMA DE GALICIA: EXCLUSIVAS, CONCORRENTE E DE EXECUCIÓN DA LEXISLACIÓN DO ESTADO

2. COMPETENCIAS EXCLUSIVAS

O artigo 27 do Estatuto enumera ata 31 materias sobre as cales se lle atribúen competencias exclusivas á Comunidade Autónoma de Galicia, pero hai que ter en conta que non en todas elas se produce realmente esa exclusividade competencial:

- Organización das institucións de autogoberno.

- Organización e réxime xurídico das comarcas e parroquias rurais como entidades locais propias de Galicia, alteracións de termos municipais comprendidos dentro do seu territorio e, en xeral, as funcións que sobre o réxime local lle correspondan á comunidade autónoma ao amparo do artigo 149.1.18, da Constitución e o seu desenvolvemento. En realidade, son competencias de desenvolvemento lexislativo e execución, porque o artigo 149.1.18 da Constitución atribúelle ao Estado competencia sobre as bases do réxime xurídico das administracións públicas, como son as entidades locais.

- Ordenación do territorio e do litoral, urbanismo e vivenda.

- Conservación, modificación e desenvolvemento das institucións do dereito civil galego.

- As normas procesuais e procedementos administrativos que se deriven do específico dereito galego ou da organización propia dos poderes públicos galegos. - Estatísticas para os fins da Comunidade Autónoma galega.

- Obras públicas que non teñan a cualificación legal de interese xeral do Estado ou cuxa execución ou explotación non lle afecte a outra comunidade autónoma ou provincia.

- Ferrocarrís e estradas non incorporados á rede do Estado e cuxo itinerario se desenvolva integramente no territorio da comunidade autónoma e, nos mesmos termos, o transporte levado a cabo por estes medios ou por cable.

os portos de refuxio e portos e aeroportos deportivos.

- Montes, aproveitamentos forestais, vías pecuarias e pastos, sen prexuízo do disposto no artigo 149.1.23 da Constitución. En realidade, é unha competencia de desenvolvemento lexislativo e execución, posto que ese precepto constitucional lle atribúe ao Estado a competencia sobre a lexislación básica de montes, aproveitamentos forestais e vías pecuarias.

- Réxime xurídico dos montes veciñais en man común. É preciso aplicar o mesmo matiz que no caso anterior.

- Aproveitamentos hidráulicos, canles e regadíos cando as augas discorran integramente dentro do territorio da comunidade, sen prexuízo do disposto no artigo 149.1.22 da Constitución.

- Instalacións de produción, distribución e transporte de enerxía eléctrica cando este transporte non saia do seu territorio e o seu aproveitamento non lle afecte a outra provincia ou comunidade autónoma, sen prexuízo do disposto no artigo 149.1.22 e 25, da Constitución. En particular, este último precepto atribúelle ao Estado a competencia sobre as bases do réxime mineiro e enerxético.

- As augas minerais e termais. As augas subterráneas, sen prexuízo do disposto no artigo 149.1.22 da Constitución. Hai que lembrar que a comunidade autónoma só ten competencias sobre os aproveitamentos hidráulicos cando as augas discorren integramente polo seu territorio e, en canto ás augas minerais e termais, o Estado é competente sobre as bases do réxime mineiro e enerxético.

- A pesca nas rías e demais augas interiores, o marisqueo, a acuicultura, a caza, a pesca fluvial e lacustre.

- As feiras e mercados interiores. - A artesanía.

- Patrimonio histórico, artístico, arquitectónico, arqueolóxico, de interese de Galicia, sen prexuízo do que dispón o artigo 149.1.28 da Constitución; arquivos, bibliotecas

e museos de interese para a comunidade autónoma, e que non sexan de titularidade estatal; conservatorios de música e servizos de belas artes de interese para a comunidade.

- O fomento da cultura e da investigación en Galicia, sen prexuízo do establecido no artigo 149.2 da Constitución. O artigo 32 do Estatuto engade que lle corresponde á comunidade autónoma a defensa e promoción dos valores culturais do pobo galego. En realidade, son competencias concorrentes co Estado, porque o artigo 149.2 da Constitución establece que, sen prexuízo das competencias que poderán asumir as comunidades autónomas, o Estado considerará o servizo da cultura como deber e atribución esencial e facilitará a comunicación cultural entre as comunidades autónomas, de acordo con elas.

- A promoción e o ensino da lingua galega.

- A promoción e a ordenación do turismo dentro da comunidade. - A promoción do deporte e a adecuada utilización do lecer. - Asistencia social.

- A promoción do desenvolvemento comunitario.

- A creación dunha policía autónoma, de acordo co que dispoña a lei orgánica prevista no artigo 149.1.29 da Constitución.

- O réxime das fundacións de interese galego.

- Casinos, xogos e apostas, con exclusión das apostas mutuas deportivo benéficas. - Os centros de contratación de mercadorías e valores de conformidade coas normas xerais de dereito mercantil (que son competencia exclusiva estatal, de acordo co artigo 149.1.6 da Constitución).

- Confrarías de pescadores, cámaras da propiedade, agrarias, de comercio, industria e navegación e outras de natureza equivalente, sen prexuízo do que dispón o artigo 149 da Constitución. En realidade, trátase dunha competencia de desenvolvemento

lexislativo e execución, xa que o artigo 149.1.18 da Constitución lle atribúe ao Estado a competencia sobre as bases do réxime xurídico das administracións públicas, entre as que se inclúen as citadas entidades.

- Normas adicionais sobre protección do medio ambiente e da paisaxe nos termos do artigo 149.1.23. Esta competencia é tamén de desenvolvemento lexislativo e execución, porque ese precepto constitucional lle atribúe ao Estado a competencia sobre a lexislación básica sobre a protección do medio.

- Publicidade, sen prexuízo das normas ditadas polo Estado para sectores e medios específicos.

Ademais, moitas das competencias de carácter económico contempladas polo artigo 30.1 do Estatuto son tamén exclusivas da comunidade autónoma, aínda que poidan verse afectadas pola competencia “horizontal” que o artigo 149.1.13 da Constitución lle atribúe ao Estado sobre as bases e coordinación da planificación xeral da actividade económica:

- Fomento e planificación da actividade económica en Galicia.

- Industria, sen prexuízo do que determinen as normas do Estado por razóns de seguridade, sanitarias ou de interese militar e as normas relacionadas coas industrias que estean suxeitas á lexislación de minas, hidrocarburos e enerxía nuclear. Queda reservada á competencia exclusiva do Estado a autorización para transferencia de tecnoloxía estranxeira.

- Agricultura e gandería.

- Comercio interior, defensa do consumidor e do usuario, sen prexuízo da política xeral de prezos e da lexislación sobre a defensa da competencia.

- Denominacións de orixe en colaboración co Estado.

- Institucións de crédito corporativo, público e territorial e caixas de aforro. En realidade, é unha competencia de desenvolvemento lexislativo e execución, posto que o artigo 149.1.11 lle atribúe ao Estado competencia sobre as bases da ordenación do crédito, banca e seguros. Polo demais, a mención ao crédito

“corporativo” é, ao parecer, unha errata arrastrada de estatuto en estatuto e nunca corrixida, pois parece que se quería facer referencia ao crédito “cooperativo”, e hai que facer notar tamén que, como se dirá máis adiante, por Lei orgánica 6/1999, do 6 de abril, esta competencia autonómica ampliouse por transferencia estatal ao desenvolvemento lexislativo e execución de toda a ordenación do crédito, banca e seguros.

- Sector público económico de Galicia, en canto non estea contemplado por outras normas deste Estatuto.

Por último, por medio da Lei orgánica 16/1995, do 27 de decembro, ditada ao amparo do artigo 150.2 da Constitución, o elenco de competencias exclusivas da comunidade autónoma completouse coas seguintes:

- Cooperativas e mutuas non integradas no sistema de Seguridade Social, sen prexuízo do respecto do título “horizontal” estatal relativo á lexislación mercantil (artigo 149.1.6 da Constitución).

- Espectáculos públicos, sen prexuízo da competencia do Estado sobre seguridade pública (artigo 149.1.29 da Constitución) e da facultade que este se reserva no artigo 5.2 a Lei orgánica de transferencia de seguir ditando as normas que regulen os espectáculos taurinos.

- Transporte marítimo que se leve a cabo exclusivamente entre portos ou puntos da comunidade autónoma, sen conexión con outros portos ou puntos de ámbitos territoriais distintos, e todo iso sen prexuízo das competencias exclusivas estatais sobre mariña mercante e abandeiramento de buques e iluminación de costas e sinais marítimas (artigo 149.1.20 da Constitución).