• Nenhum resultado encontrado

ORIXINARIO E DERIVADO AS INSTITUCIÓNS DA UNIÓN EUROPEA COMPOSICIÓN E

TEMA 6. O ORDENAMENTO XURÍDICO DA UNIÓN EUROPEA EFICACIA DIRECTA E PRIMACÍA DO DEREITO COMUNITARIO DEREITO ORIXINARIO E DERIVADO.

II. DEREITO ORIXINARIO E DERIVADO

1. DEREITO ORIXINARIO

Inicialmente, o dereito orixinario estaba formado polos tratados constitutivos da tres comunidades europeas (Comunidade Europea do Carbón e do Aceiro, Comunidade Económica Europea, logo denominada Comunidade Europea, e Comunidade Europea da Enerxía Atómica), os tratados modificativos destes e os tratados de adhesión de novos

estados ás comunidades europeas.

Na actualidade, o dereito orixinario ou primario componse, por unha banda, do Tratado da Unión Europea e do Tratado de Funcionamento da Unión Europea, xunto coa Carta dos Dereitos Fundamentais da Unión Europea, o Tratado Constitutivo da Comunidade Europea da Enerxía Atómica e o Tratado de Lisboa de 2007 (que é o tratado que deu á Unión Europea a configuración que hoxe ten) e, por outra banda, dos tratados de adhesión de novos estados ás comunidades europeas ou á propia Unión Europea, que son os seguintes:

- Tratado de adhesión ás comunidades europeas de Dinamarca, Irlanda e do Reino Unido de Gran Bretaña e Irlanda do Norte, asinado en Bruxelas o 22 de xaneiro de 1972, e en vigor desde o 1 de xaneiro de 1973.

- Tratado de adhesión ás Comunidades Europeas de Grecia, asinado en Atenas o 28 de maio de 1979, e en vigor desde o 1 de xaneiro de 1981.

- Tratado de adhesión ás Comunidades Europeas de España e Portugal, asinado en Lisboa e Madrid o 12 de xuño de 1985, e en vigor desde o 1 de xaneiro de 1986. - Tratado de adhesión á Unión Europea de Austria, Finlandia e Suecia, asinado en Corfú o 24 de xuño de 1994, e en vigor desde o 1 de xaneiro de 1995.

- Tratado de adhesión á Unión Europea da República Checa, Estonia, Chipre, Letonia, Lituania, Hungría, Malta, Polonia, Eslovenia e Eslovaquia asinado en Atenas o 16 de abril de 2003, e en vigor desde o 1 de maio de 2004.

- Tratado de adhesión á Unión Europea da República de Bulgaria e Romanía, asinado en Luxemburgo o 25 de abril de 2005, e en vigor desde o 1 de xaneiro de 2007.

- Tratado de adhesión á Unión Europea de Croacia, asinado en Bruxelas o 9 de decembro de 2011, e en vigor desde o 1 de xullo de 2013.

As características básicas do dereito orixinario poden agruparse ao redor de tres eixes fundamentais:

- Tanto material como formalmente trátase de normas xurídico-internacionais, e en consecuencia, rexidas polas normas de dereito internacional aplicables aos tratados internacionais.

- Estas normas revisten unha dimensión “constitucional” que se manifesta nos seus contidos (establecen os principios, determinan as competencias atribuídas e os seus límites, estruturan o sistema institucional e a distribución dos seus poderes e funcións así como os procedementos para o seu exercicio, control e revisión) e na garantía da súa preeminencia sobre calquera outra norma. Así, as normas de dereito orixinario gozan de superioridade xerárquica en relación co dereito derivado e prevalecen sobre os ordenamentos xurídicos dos estados membros nas materias atribuídas á competencia da Unión, en virtude dos principios de primacía e de efecto directo. Prevalecen tamén sobre os acordos internacionais celebrados polos estados membros nos ámbitos competenciais atribuídos.

- Como elemento de regulación, as normas orixinarias da Unión Europea conteñen regulacións específicas (así, as relativas ás liberdades comunitarias, ás regras de competencia ou ás políticas comúns). Trátase dun conxunto de normas incluídas nesta categoría pola importancia que os estados lles asignan aos seus contidos, que desta forma se ven protexidos pola primacía coa que conta o dereito orixinario. 2. DEREITO DERIVADO

A existencia dun dereito derivado resulta unha das notas máis orixinais do dereito da Unión Europea. O conxunto dos actos adoptados polas institucións da Unión co fin de cumprir os obxectivos dos tratados na súa aplicación constitúe o dereito derivado. Non é, por tanto, o dereito derivado un dereito establecido directamente nos tratados, nin convencional, senón que emana destes a través das institucións por elas creadas.

No conxunto do dereito derivado podemos distinguir dúas clases, a dos actos típicos e a dos actos atípicos.

Os actos típicos son aqueles que adoptan as institucións no exercicio do seu poder de decisión e aparecen enunciados no artigo 288 do Tratado de Funcionamento da Unión

Europea, segundo o cal, para exercer as competencias da Unión, as institucións adoptarán regulamentos, directivas, decisións, recomendacións e ditames.

A continuación, o artigo 289 do Tratado de Funcionamento da Unión Europea sinala que o procedemento lexislativo ordinario consiste na adopción conxunta polo Parlamento Europeo e o Consello, a proposta da comisión, dun regulamento, unha directiva ou unha decisión. Nos casos específicos previstos polos tratados, a adopción dun regulamento, unha directiva ou unha decisión, ben polo Parlamento Europeo coa participación do Consello, ben polo Consello coa participación do Parlamento Europeo, constituirá un procedemento lexislativo especial.

Os actos xurídicos que se adopten mediante un procedemento lexislativo constitúen actos lexislativos.

- O regulamento

Ten un alcance xeral. É dicir, lexisla abstractamente. Non ten uns destinatarios limitados, designados ou identificables, senón que se dirixe a categorías de persoas consideradas abstractamente.

O regulamento diferénciase así da decisión, que é un acto particular.

É obrigatorio en todos os seus elementos. A través do regulamento, as institucións da Unión Europea dispoñen dun poder normativo completo. Non só pode prescribir un resultado, senón tamén impoñen todas as normas de desenvolvemento e execución que se consideren oportunas.

Isto non quere dicir que os regulamentos deban obrigatoriamente fixar eles mesmos todas as normas de desenvolvemento e execución. Pode haber regulamentos que remitan implícita ou explicitamente o seu desenvolvemento ás autoridades nacionais ou da propia Unión Europea.

En relación con este último suposto, o artigo 290 do Tratado de Funcionamento da Unión Europea prevé que un acto lexislativo poderá delegar na Comisión os poderes para adoptar actos non lexislativos de alcance xeral que completen ou modifiquen

determinados elementos non esenciais do acto lexislativo.

Os actos lexislativos delimitarán de forma expresa os obxectivos, o contido, o alcance e a duración da delegación de poderes. A regulación dos elementos esenciais dun ámbito estará reservada ao acto lexislativo e, polo tanto, non poderá ser obxecto dunha delegación de poderes.

Os actos lexislativos fixarán de forma expresa as condicións ás que estará suxeita a delegación, que poderán ser as seguintes:

- O Parlamento Europeo ou o Consello poderán decidir revogar a delegación.

- O acto delegado non poderá entrar en vigor se o Parlamento Europeo ou o Consello formularon obxeccións no prazo fixado no acto lexislativo.

O regulamento é directamente aplicable en cada Estado membro. É dicir produce por el mesmo e automaticamente, sen ningunha interposición das autoridades nacionais, efectos xurídicos no ordenamento xurídico interno dos estados membros e debe recibir aplicación no seu territorio.

Están prohibidas todas as medidas de recepción, por exemplo, a publicación. O regulamento é directamente aplicable en cada Estado membro e non por cada Estado membro. Significa que se dirixe aos suxeitos de dereito interno dos estados membros, por tanto tamén aos particulares.

O que os regulamentos sexan directamente aplicables en cada Estado membro non significa que en determinadas circunstancias non poida contemplar a situación particular dun determinado Estado, senón que entra en vigor e aplícase simultaneamente e de maneira uniforme no conxunto da Unión, é dicir no territorio do conxunto dos estados membros.

- A directiva

A directiva é un instrumento de harmonización de lexislacións (fronte ao regulamento que se orienta á uniformización). Por esta razón, articúlase como un instrumento máis flexible que supón unha certa distribución de tarefas entre o nivel da Unión Europea e o nacional

e desta forma resulta máis flexible e respectuoso coas particularidades nacionais.

A directiva obriga o Estado membro destinatario en canto ao resultado que deba conseguirse, deixando, con todo, ás autoridades nacionais a elección da forma e dos medios.

A directiva en principio non ten alcance xeral. Só obriga os seus destinatarios que son sempre estados membros.

Agora ben, cada vez que a súa aplicación nacional pasa por medidas legais ou regulamentarias, adquire ao final, un efecto normativo (alcance xeral) que tamén adoita ter na medida en que case sempre se dirixe a todos os estados membros.

A directiva obriga en canto ao resultado, e déixalles ás autoridades nacionais a competencia en canto á forma e aos medios.

Os estados membros teñen liberdade para elixir o acto xurídico de transposición dunha directiva (lei, decreto...) e a designación dos servizos administrativos que estarán encargados de aplicalo. Por esta razón, a directiva non debe conter máis que unha obriga de resultado e non unha obriga de medio

A directiva non é directamente aplicable. A primeira vista, a ausencia de aplicabilidade directa parece evidente. Agora ben, a pesar de que a directiva só vincule aos estados, é dicir, que só teña efectos obrigatorios fronte a eles, isto non quere dicir que en determinadas circunstancias, -vinculadas á súa non transposición ou á transposición incorrecta polos estados membros, unha vez transcorrido o prazo que estas lles asignan para iso-, non poidan as directivas ter efectos xurídicos con respecto a outros suxeitos de dereito distintos que os estados membros, especialmente fronte aos particulares.

- A decisión

A decisión é un acto obrigatorio en todos os seus elementos.

Contrariamente ao regulamento, a decisión non ten un alcance xeral. É obrigatoria só para os seus destinatarios.

Por iso, cando a decisión se dirixe a aplicar as normas dos tratados aos casos particulares, é asimilable ao acto administrativo individual e constitúe un instrumento de execución administrativo do Dereito da Unión Europea.

Unha decisión tamén pode prescribir para un Estado ou un conxunto de estados un obxectivo cuxa realización pasa pola adopción de medidas nacionais de alcance xeral, e entón preséntase como un instrumento de lexislación indirecta que non deixa de lembrar a directiva.

A diferenza da directiva, a decisión é obrigatoria en todos os seus elementos e non só en canto ao resultado. Pode ser moi detallada e prescribir os medios para alcanzar o resultado imposto.

Fronte ao regulamento, a decisión non implica efecto directo. Evidentemente a decisión terá efecto directo se o destinatario é un particular ou unha empresa. En cambio, non o terá, en principio, cando o destinatario sexa un Estado, aínda que pode telo en termos semellantes, como se verá, ao que sucede coas directivas.