• Nenhum resultado encontrado

MONGELLI, Lênia Márcia (Org.). Fremosos cantares. Antologia da lírica medieval galego-portuguesa. São Paulo: Martins Fontes, 2009, 522 p.

N/A
N/A
Protected

Academic year: 2021

Share "MONGELLI, Lênia Márcia (Org.). Fremosos cantares. Antologia da lírica medieval galego-portuguesa. São Paulo: Martins Fontes, 2009, 522 p."

Copied!
5
0
0

Texto

(1)

1 MONGELLI, Lênia Márcia (Org.). Fremosos cantares. Antologia da lírica medieval galego-portuguesa. São Paulo: Martins Fontes, 2009, 522 p.

Lydia Fontoira Suris Universidade de Santiago de Compostela lydia.fontoira@usc.es

A difusión da lírica medieval galego-portuguesa mediante antoloxías enlaza coa nosa máis antiga tradición, posto que os cancioneiros medievais son unha selección na orixe. Eses inicios que probablemente responderon, polo menos parcialmente, ao gusto do antólogo, marcaron para nós, quizais definitivamente, a realidade desa creación. Unha escolma xeral daquela poesía pode guiarnos polos camiños da preferencia persoal do antólogo, pero non debería presentar profundas diverxencias co conxunto orixinal. A beleza e a excelencia na construción do poema foron os criterios esenciais que guiaron á profesora da Universidade de São Paulo, Lênia Márcia Mongelli – que a este lado do Atlántico exerce tamén o seu maxisterio a través da súa obra impresa - na preparación dunha interesante antoloxía das nosas cantigas medievais: Fremosos cantares. Antologia da lírica medieval galego-portuguesa. A profesora Mongelli acláranos: “procurei que a parcela inevitável da subjectividade não se superpusesse ao que o homem medieval entendia por cantiga ben cuidada”. Estamos, pois, ante unha obra de transmisión textual construída con criterios excelentes.

A estrutura da antoloxía responde á norma clásica de ordenación por xéneros tal como se presentan nos cancioneiros medievais e, igual que neles, en cada sector os autores están ordenados cronoloxicamente, dentro das posibilidades que nos oferta o coñecemento. Ademais da selección de cantigas profanas, a obra ofrécenos tamén unha escolma das Cantigas de Santa María. As primeiras, tomadas, en xeral, do texto que ofrece a edición preparada no Centro de Investigación Ramón Piñeiro e coordinada por Mercedes Brea; as cantigas de Santa María, da edición que Walter Mettmann publicou na Editorial Castalia.

En total seleccionáronse trinta cantigas de cada un dos tres grandes xéneros: amor, amigo, escarnho e mal dizer e trinta e unha cantigas de Santa María, pois estas, pola súa especial presentación, que comentaremos, necesitan un poema a maiores. Cada un dos textos vai acompañado dun comentario interpretativo. Soen ser precisos e, con

(2)

2 frecuencia, expresivos: “A técnica da repetitio é bem adequada a esta espécie de estado catatônico do amador”, páx. 42. Tamén se nos transmiten informacións relativas ás fontes manuscritas, edición utilizada, clasificación formal e métrica e axudas puntuais para a comprensión do texto. En ocasións engádese un apartado de observacións no que se recollen as variantes textuais doutras versións.

A escolma vai precedida dunha longa e reflexiva introdución de vinte e cinco páxinas nas que Lênia Márcia Mongelli vai achegando ao lector ao mundo que foi capaz de crear esta fermosa e complexa poesía. Fálanos dos problemas para abrir o abano do interese pola poesía trobadoresca medieval na cultura brasileira que – salvo especialistas – tenden a considerala algo alleo a un país nacido moito despois da desaparición desta creación poética, algo propiciado tamén polas dificultades que crean as súas características formais e temáticas. Pregúntase pola lingua de expresión desta creación lírica. A importancia da música, as fontes manuscritas de transmisión, a Arte de Trobar do cancioneiro B, son algúns dos temas sobre os que se reflexiona. A caracterización do momento histórico, o feudalismo, o nacemento de Portugal, as cortes produtoras. Toda esta docta reflexión vai encamiñada a fornecer ao receptor da obra dunhas bases analíticas certas. Ese destinatario, o receptor específico desta obra é o alumno brasileiro, que ten unhas particulares circunstancias ambientais – bibliográficas e históricas – para introducirse neste campo do coñecemento. A finalidade é, pois, fornecelos dunha información que posibilite a verdadeira comprensión da etapa creadora e dos poemas seleccionados. A parte introdutoria complétase cunha Bibliografía Xeral na que se puxo interese selectivo e actualizador, estruturada en cinco apartados: fontes, antoloxías, edicións monográficas, obras de referencia e estudos. A obra, que se abrira cun breve e esclarecedor prefacio da apreciada medievalista Yara Frateschi Vieira, insire como colofón dous interesantes apartados: unha biografía dos corenta e oito trobadores e xograres antoloxizados, preparada por Márcio Ricardo Coelho Muniz, profesor na Universidade Federal da Bahia, especialista en teatro vicentino e poética medieval galego-portuguesa. Neste traballo establécese, á súa vez, a fixación da grafía dos nomes dos poetas que se emprega na antoloxía. Pecha o volume un glosario de termos e expresións na procura de facilitar a comprensión dos textos e que inclúe, así mesmo, os antropónimos e topónimos citados nas cantigas escolmadas. Este traballo realizouno o profesor da Universidade Federal do Espírito Santo, Paulo Roberto Sodré, especializado en literatura medieval galego-portuguesa e coñecido entre nós principalmente pola súa

(3)

3 obra Cantigas de madre galego-portuguesas, publicada pola Xunta de Galicia en 2008. Complétase a obra cun índice dos trobadores e das cantigas correspondentes.

En cada un dos apartados da antoloxía, as cantigas escolmadas van precedidas dunha introdución na que se reflexiona sobre o xénero lírico correspondente e inclúe, así mesmo, unha bibliografía específica.

Entre as cantigas de amor seleccionadas descubrimos poemas de grande intensidade dramática, que mesmo semellarían un verdadeiro desafogo persoal, como “Senhor fremosa, poys me non queredes”, de Martin Soarez. Outras de temática tan especial como “Se eu podesse desamar”, de Pero da Ponte, que foi analizada como “mala cansó”. Outras revisten unha especial forma, como a de Johan Garcia de Guilhade “U m’eu partí d’u m’eu partí”, co espectacular dobre que inicia cada cobra. Tamén se selecciona o fermoso poema “Senhor genta”, de Johan Lobeira, que tantos comentarios suscitou pola súa relación co Amadís de Gaula. Outras temáticas extraordinarias, como a do casamento da amada, tamén están presentes: “Senhor fremosa, oy eu dizer”, do xograr Lourenço. Tamén se escolman cantigas con esquemas métricos singulares, como “Des que eu vi”, de Roí Fernandez de Santiago, e textos provenzalizantes por temática e rimas como “Amor faz a min amar tal señor”, de Airas Nunez, ou polo emprego intensivo das rimas derivadas artellando o poema, que só se emprega en tres ocasións na nosa lírica medieval: “Cativo! mal conssellado!”, de Martin Moxa. Remata a selección dos trinta textos coa delicada cantiga de Vidal “Moyr’, e faço dereyto”.

Ábrese a escolma de cantigas de amigo cunha de Bernal de Bonaval dialogada, “Ay, fremosinha, se ben ajades!”, que resulta dubidosa na súa adxudicación xenérica posto que a primeira voz é a dun interlocutor anónimo e, polo tanto, con posibilidades de ser masculina. Nese caso deberíamos definila como cantiga de amor. Pero ambientación, fraseoloxía e vocabulario son de amigo, e así se cataloga sempre, ademais de ser Bernal de Bonaval o representante paradigmático da máis tradicional estrutura da cantiga de amigo, como a presente. Porén esta cantiga tamén é extraordinaria polo seu esquema rimático non común e pola súa particular ambientación, pois nela se fala dunha vila, elemento alleo á cantiga de amigo, aínda que a acción se desenvolve lonxe dela. Interesantes cuestións de xénero que non é posible desenvolver aquí. No segundo poema seleccionado, “Fremosas, a Deus grado, tan bon dia comigo!”, Bernal de Bonaval tamén nos mostra o seu dominio dos elementos constituíntes do xénero ao ofrecernos unha composición de fasquía aparentemente

(4)

4 tradicional: paralelismo literal, leixa-pren, pero que se resolve en forma de mestría. Nuno Fernandez Torneol deléitanos a seguir coa súa coñecida composición “Levad’, amigo, que dormides as manhãas frias”, tan comentada pola súa relación coa alba provenzal. Na cuarta composición muda o rexistro estético, abandonando os marcados elementos de repetición, agás o refrán, cunha cantiga do orixinal Johan Garcia de Guilhade, “Cada que ven o meu amig’aqui”, na que se observa a reacción de desconfianza da muller ante os sentimentos expresados polo home na cantiga de amor. Na segunda deste autor temos a célebre comparación cos amantes Flores e Brancafrol. Do lábil Pero da Ponte selecciónase unha composición desenvolta mediante un diálogo no que a doncela recibe consellos da súa nai, que adopta unha actitude pouco ortodoxa no xénero, pois aconsella vinganza. E así ata un total de trinta cantigas, entre as que se inclúen catro pastorelas, circunstancia de xénero da que, desde logo, da fe a antóloga: a fermosa cantiga de cantigas de Airas Nunez, dúas das tres de Don Denis, e a de Johan Airas de Santiago.

Nas cantigas de escarnio e maldizer selecciónanse textos ben pola orixinalidade dos seus esquemas métricos, como “Con vossa graça, mia senhor”, de Fernan Paez de Tamalancos; ben pola súa temática, recollendo posibilidades diversas: escarnios de amor, burlas contra soldadeiras, abadesas, médicos, colegas, infanzóns; escarnios literarios sobre a propia creación poética; o tema dos falsos cruzados; un pranto burlesco. Tamén se inclúen neste repertorio varias tenzóns que, como sabemos, pertencen tecnicamente a esoutro xénero, pero que tematicamente se integran nas de escarnio e maldizer; a marabillosa cantiga de desencanto de Afonso X “Non me posso pagar tanto” que tantos comentarios diversos ten suscitado; sátiras contra a cobardía dos guerreiros cristiáns na guerra de Granada; sátiras de temática moral; escarnios políticos; o tema da superstición. Tampouco elude a presentación dalgúns poemas obscenos.

Completa a escolma unha selección de cantigas de Santa María nas que se pretende reproducir a estrutura decimal da obra orixinal en pequena escala: unha cantiga de loor seguida de cinco cantigas narrativas de milagre e mesmo facendo que vaian precedidas dun dos poemas-prólogo. Como remate sitúase a “Petiçom”, que funciona como epílogo, aínda que na obra alfonsina ficou finalmente algo desprazada. Tanto as cantigas narrativas seleccionadas como as de loor responden ás variacións estéticas da obra escolmada: de metros moi curtos – composicións en versos de 4, 5 e 7 sílabas – a medidas de grande formato: versos de 15 sílabas; monométricas e plurimétricas. Naturalmente dominan o zéxel e a forma de refrán, pero tamén hai presenza dalgún

(5)

5 rondeau e da mestría. Tamén se nos transmite a riqueza rímica da obra. Canto á temática destacamos a selección de milagres acaecidos ao propio Rei Sabio.

Esperamos que esta obra coidada e completa, que atende a diversos puntos de interese para o lector, cumpla os obxectivos para os que se creou e teña tamén noutros lugares a difusión que se merece, a pesar das dificultades habituais de distribución do libro brasileiro, polo menos aquí, en Galicia.

Referências

Documentos relacionados

Baseado nas 100 maiores cidades do Brasil e com dados do SNIS (Sistema Nacional de Informações sobre Saneamento) de 2019, a publicação anual avalia os indicadores de acesso à

Um outro aspecto interessante são as concepções que os alunos apresentam em relação aos estudos e a Matemática, muitos veem os estudos e a Matemática como

O estudo sobre os cristãos-novos e a Inquisição em nossa historiografia tem sido feito desde as últimas décadas do século XX e, nessa perspectiva, buscaremos investigar o diálogo

Explique de maneira resumida como foi realizada a pesquisa, ou seja, que instrumentos foram utilizados para coletar os dados (questionários, entrevistas, gravações em

I. permite ao autor antecipar-se com relação às possíveis justificativas dadas pelos motociclistas que não fazem uso do capacete. remete àquela presente no gênero entrevista e

O modelo de negócios da Le Biscuit é menos afetado por fatores macroeconômicos que podem impactar negativamente o varejo.. Aumento

4.1.1 NÚMERO DE INDISPONIBILIDADES/INCIDENTES Durante o ano de 2006, a Região Autónoma dos Açores foi afectada por 2085 indisponibilidades do fornecimento de energia eléctrica

Na lista suspensa Origem do papel para a última página, selecione a bandeja a ser usada para as