• Nenhum resultado encontrado

Futuro e Pospretérito de Indicativo: formas verbais das que rexistramos exemplos non normativos

María Álvarez de la Granja

Táboa 9. Futuro e Pospretérito de Indicativo: formas verbais das que rexistramos exemplos non normativos

Como se pode observar nas táboas 8 e 9, só en dous casos predomina unha forma non normativa (querer e saír), e noutro verbo encontramos o mesmo número de exemplos da forma normativa e non normativa (vir), pero trátase nos tres casos de verbos con escasos exemplos en CORTEGAL, o que fai pouco representativos os datos atopados. No resto dos casos, ben non rexistramos ningún exemplo de formas non normativas, ben a súa presenza é escasa e non chega ao 10%. Por outra banda, unha persoa emprega tanto a forma podería como a forma podría.

No volume I do ALGa só temos información sobre o Futuro e o Pospretérito de haber e de poñer / pór, así como sobre o Futuro de saber e de saír. Nos catro verbos, en maior ou menor medida, rexístranse as formas coincidentes co castelán habrá / habría, pondrá / pondría, sabrá e saldrá, pero estas son sempre minoritarias.

Por outro lado, Dubert García (2005, p. 283), exemplificando con valer, salir26 e poñer, sinala que este tipo de verbos teñen no galego popular unha conxugación perfectamente regular no

Futuro e no Pospretérito de Indicativo, pero que no galego popular urbano aparecen formas castelanizadas, sen vogal temática e con interfixo tras a raíz: valdrei, valdría; saldrei, saldría etc. O mesmo autor (2005, pp. 283-284) indica que a transferencia non afecta á terminación verbal (rexístrase saldrei, pero non saldré). O mesmo sucede en CORTEGAL, onde non se encontra ningunha forma rematada en –ré.

3.6. Copretérito do verbo ir

Na táboa 10 ofrecemos os datos encontrados para o Copretérito do verbo ir, que ten no galego popular as realizacións ía e iba: A P1/P3 representa todo o paradigma.

Copretérito de Indicativo IR

Número de estudantes Porcentaxe

ía 16 80%

iba 4 20%

Táboa 10. Copretérito do verbo ir

Como se pode observar son maioritarias as formas normativas, aínda que a coincidente co castelán, iba, aparece nun 20% do alumnado que emprega este tempo verbal.

Segundo Fernández Rei (1990, p. 97) a forma máis habitual no galego popular é iba, mentres que ía só se rexistra no suroeste de Ourense e nalgunhas falas pontevedresas.

3.7. Tempos compostos co verbo haber

Finalmente, analizamos en CORTEGAL a presenza de tempos compostos co verbo haber, que en principio eran alleos ao galego popular moderno, aínda que están penetrando cada vez con máis forza por transferencia do español (Dubert García, 2005, p. 285). Nesta táboa, a porcentaxe representa o número de estudantes que empregan o tempo composto sobre o total de 1000 que conforman a mostra de CORTEGAL. Unha vez máis, a P1/P3 representa todo o paradigma.

170 María Álvarez de la Granja

Tempos compostos co verbo haber

Número de estudantes Porcentaxe sobre o número de estudantes de CORTEGAL

ha + participio 13 0,13% houbese / houbera + participio 3 0,3% haber + participio 5 0,5% habería + participio 2 0,2% había + participio 1 0,1%

Táboa 11. Tempos compostos co verbo haber

Como se pode observar, os casos máis frecuentes son os do denominado Pretérito Perfecto Composto (ha + participio). Chama a atención que dos dez informantes que empregan esta forma na P1 ou na P3, oito omiten o <h> inicial do verbo haber: a dado, a estado, a experimentado etc. Dúas persoas empregan tempos compostos diferentes, de modo que a cifra total de estudantes que usa tempos compostos é de vinte e dous, isto é, tan só un 2,2% do alumnado que conforma a mostra. Tal e como sinala Dubert García (2005, pp. 285-286), no galego popular rural non existen apenas tempos compostos (agás algúns rexistros de houbera cantado para o pasado irreal). Con todo, o mesmo autor sinala que no galego popular urbano empezan a aparecer algúns compostos de diferente tipo (había cantado, habería cantado, haberá cantado, houbera cantado, e sobre todo haber cantado). Non menciona, con todo, ha cantado, a forma máis frecuente en CORTEGAL. Unha vez analizados todos os textos en que aparece o Pretérito Perfecto Composto, descubrimos en todos eles outros elementos que mostran que as persoas autoras dos textos, tal e como cabería esperar, non teñen o galego popular como lingua inicial (pronomes átonos enclíticos cando deberían ir proclíticos, formas do castelán inexistentes no galego popular, como hace, tampoco ou pocos, flexións que mostran adaptacións desde o castelán impropias do galego, como manteñemos, uso de dous en combinación cun substantivo feminino etc.)27. No resto dos textos con tempos compostos, podemos encontrar ou non elementos deste tipo.

4. CONCLUSIÓNS

Unha vez presentados e analizados os resultados atopados, estas son as principais conclusións que podemos extraer:

27 Na versión final dun destes textos non encontramos problemas deste tipo, pero si na inicial, que posteriormente é corrixida.

1) O alumnado galego de 2º de Bacharelato, e sempre en relación coas formas estudadas, domina en xeral a conxugación verbal propia do código normativo.

2) Con todo, existen algúns casos en que se aprecian dificultades. Cinguirémonos ás formas verbais empregadas por dez estudantes ou máis, no conxunto das súas variantes, o que supón un total de trinta e tres formas das cincuenta analizadas (deixamos a un lado os tempos compostos, en que non establecemos comparación entre formas normativas e non normativas).

a) En sete deses trinta e tres casos a forma máis frecuente non coincide coa estándar: acentuación do Pospretérito, Presente de Subxuntivo do verbo dar e do verbo estar e Presente de Indicativo dos verbos sentir, acudir, consumir e subir. En todos estes casos, as formas maioritarias están presentes, e cada vez en maior medida, no galego popular. Ademais, tales formas son sempre coincidentes co castelán, agás no caso de sinte (cast. siente).

b) Entre os verbos en que a forma normativa é maioritaria, encontramos porcentaxes superiores ao 10% de formas non normativas en once casos: acentuación proparoxítona do Copretérito (40%), tema de pretérito do verbo poder (poid-, 25%), P3 do Pretérito de ver (veu, 16,7%), Presente de Subxuntivo de poder (poda, 27%), querer (quera, 28,6%), saber (sepa, 18,7%) e dos verbos acabados en –cer, -cir (-zca, 20,7%), Presente de Indicativo de seguir (sigue, 12,8%), servir (sirve, 12,2%) e xurdir (xurde, 23,5%) e Copretérito do verbo ir (iba, 20%). En todos os casos, as formas que superan o 10% están presentes no galego popular, e na súa maioría coinciden co castelán. Nas quince formas restantes, a porcentaxe de formas non normativas é inferior ao 10%.

3) De acordo co exposto, as formas dialectais non normativas e non coincidentes co castelán son moi escasas en CORTEGAL, aínda que teñan un amplo uso no galego popular. A porcentaxe máis alta que alcanzan é ese 25% no tema de pretérito de poid- (cinco exemplos). Ademais das indicadas no parágrafo anterior, rexistramos un único exemplo de esteña, dous de seña e dous de dou (P3 do Pretérito de dar).

4) No sentido contrario, formas apenas representadas ou con pouca extensión no galego popular, pero que teñen carácter normativo, como sexa ou ía, presentan porcentaxes de uso moi elevadas en CORTEGAL.

5) As formas non normativas e non presentes no galego popular (como podeu ou tendrá) son tamén moi escasas e nunca alcanzan o 10% (cinguíndonos ás formas proporcionadas por dez ou máis estudantes).

6) É relativamente frecuente encontrar exemplos de estudantes que empregan no mesmo texto a forma normativa e unha variante non normativa (por exemplo, sexa e sea), o que é indicio de que

172 María Álvarez de la Granja

as formas estándares foron aprendidas, pero non están suficientemente consolidadas. Isto dá lugar a que no texto asomen interferencias, ben do castelán, ben do galego popular.

7) Os tempos compostos co verbo haber teñen escasa presenza en CORTEGAL, pois tan só son empregados por un 2,2% do alumnado.

Así pois, os principais problemas encontrados, e aqueles aspectos nos que cumpriría insistir en maior medida no proceso de ensino e aprendizaxe do código normativo do galego, teñen que ver coa acentuación na P4 e P5 de Copretérito, Antepretérito e Pospretérito de Indicativo, co Presente de Subxuntivo de determinados verbos, sobre todo de dar e estar e coa alternancia vocálica <u/o> dos verbos da terceira conxugación. A maior parte das formas que ocupan o espazo das formas normativas existen no galego popular e coinciden co castelán, mentres que outras formas dialectais diverxentes do castelán apenas están representadas nos textos do alumnado galego de segundo de Bacharelato.